Cancelado o certificado FSC de xestión forestal sustentable de NORFOR (ENCE)
Monday, 23 de February do 2009
A empresa NORFOR, do Grupo ENCE,
perdeu definitivamente no 7 de xaneiro pasado a certificación FSCpara algo máis de 11.000 hectáreas de montes que xestiona
no norte de España, maioritariamente ocupadas por eucaliptais e situadasen Galicia. Verdegaia felicítase por esta
decisión, mais lamenta que teña chegado tan tarde, xusto no comezo do ano no que ía caducar
o certificado.Esta decisión é froito
do traballo de seguemento e presión desenvolvido por diversas organizacións
ecoloxistas nos últimos anos, entre elas Verdegaia.
O proceso de certificación de NORFOR exemplifica como, en
demasiadas ocasións, o selo FSC (Forest Stewardship Council) é concedido aos xestores forestais de xeito non
xustificado. Os Servizos de Acreditación (ASI) do propio FSC Internacional, que
actuaron logo das queixas ecoloxistas, recoñeceron que NORFOR obtivo en outubro
de 2004 o certificado FSC de forma irregular. A exasperante lentitude de FSC á
hora de investigar as denuncias ecoloxistas de incumprimentos dos seus
principios e criterios en montes certificados, a falta de rigor e de
exhaustividade das auditorías realizadas pola empresa SGS (acreditada por FSC e
contratada directamente por NORFOR) e os xenerosos prazos outorgados a NORFOR
para corrixir as deficiencias máis evidentes, fixeron posible que NORFOR
conservase o seu certificado FSC até xuño do ano pasado, cando foi suspendido.
Finalmente, o certificado foi cancelado en xaneiro pasado, no comezo do ano no que ía caducar (o
prazo de vixencia de cada certificado é de cinco anos), por incumprir uncriterio referido á diversidade nas
plantacións.
Verdegaia participou en varias consultas públicas das
auditorías de seguemento da xestión de NORFOR realizadas por SGS e por ASI,
achegando por escrito diversos comentarios e participando nunha reunión entre
auditores de ASI e organizacións ecoloxistas. Asemade, presentou alegacións
contrarias á solicitude de NORFOR dunha derrogación temporal da prohibición FSC
de uso do pesticida flufenoxuron, empregado para combater a praga do
escarabello Gonipterus scutellatus nos eucaliptais. A Asociación pola
Defensa da Ría (APDR) e Greenpeace tamén realizaron un intenso labor de
seguemento e denuncia do certificado de NORFOR, traballo que foi apoiado por
moitas outras organizacións, entre elas a Federación Ecoloxista Galega (FEG),
Ecologistas en Acción, ADEGA ou WWF/Adena.
Verdegaia deixou de apoiar o selo FSC
Verdegaia deixou de apoiar o
sistema FSC no ano pasado, ao constatar que en moitas ocasións non garante unha
xestión dos montesautenticamente
sustentable e que non vai introducir a curto prazo as reformas necesarias para
fortalecer a súa credibilidade. FSC é un sistema de certificación claramente
preferible ao PFEC (Programme for the Endorsement of Forest Certification
schemes), o sistema que mantén o certificado de "xestión sustentable" ás plantacións de NORFOR. Os
Estándares españois para a certificación forestal FSC son unha boa guía para
unha xestión forestal sustentable. Porén, FSC hoxe non garante que os
principios e criterios que promove sexan aplicados axeitadamente nos montes
certificados.
Con motivo da Asemblea de FSC Internacional celebrada no
ano pasado en África do Sur, Verdegaia sumouse a unha carta aberta aos membros
de FSC, promovida a nivel internacional, na que se instaba "a resolver coa
maior urxencia o grave problema da certificación de monocultivos de árbores".
É previsible que NORFOR tente obter un novo certificado
FSC, pois empresas do norte de Europa que compran a súa pasta de papel demandan
que teña o selo FSC. Outra empresa de ENCE dedicada á xestión de montes ,
SILVASUR, que actúa no sur de España, tamén perdeu o certificado.
ENCE está a tentar debilitar os estándares españois de
certificación FSC para facilitar que as plantacións que xestiona sexan
novamente certificadas. ENCE quéixase de que os estándares FSC vixentes en
España son máis estritos que os aplicados noutros Estados onde tamén se cultiva
o eucalipto, como Portugal, Uruguai ou Brasil Na última revisión dos estándares
xa se introduciron algunhas mudanzas negativas, o que fixo que algúns
comentarios críticos de Verdegaia decaesen, ao se basearen na versión dos
estándares de 2006. Un deles afectaba a un aspecto moi importante, como é o
tratamento dos restos de tala (en particular das códeas dos eucaliptos), que
ENCE destina á produción de enerxía en lugar de os deixar no monte previa
trituración, práctica que favorece o empobrecemento en nutrientes dos solos.