|
O "Acordo sobre bases programáticas para a acción de
goberno" asinado no comezo desta lexislatura polo PSdG-PSOE e o BNG non facía
da sustentabilidade un eixo principal da acción de goberno, polo que axiña se
puido comprobar que non estaban fundamentadas as expectativas de que a mudanza
de goberno fose supor unha ruptura coas políticas produtivistas da Xunta do PP.
Non só a sustentabilidade non foi unha política central e transversal nesta
lexislatura senón que algúns compromisos do "Programa Contrato" do
bipartito ambientalmente beneficiosos
foron incumpridos.
A xuízo de Verdegaia, malia algúns avanzos, esta foi outra
lexislatura perdida para a sustentabilidade na que se agravou a destrución
ambiental.
Foi sintomático que a sustentabilidade estivese
practicamente ausente do apartado "Emprego e desenvolvemento económico" do
acordo programático para a formación do bipartito. A conversión ecolóxica da
economía para decrecer o consumo de enerxía e de materiais volveu estar fóra
das preocupacións da Xunta e así non sorprende que un dos compromisos máis
destacados do capítulo "Territorio e sustentabilidade", a aprobación dun "Plan
galego de desenvolvemento sostible", fose totalmente incumprido. A aposta pola
sustentabilidade consistiu en pouco máis que en engadir "Desenvolvemento
sostible" ao nome oficial da Consellería de Medio Ambiente.
Políticas destrutoras do territorio
Aínda que a redución da pegada ecolóxica global de Galicia
non figuraba entre os obxectivos fundamentais do bipartito, si se incluía entre
éstes o de "poñer en valor o territorio, mediante políticas de sustentabilidade
ambiental, de calidade urbanística e de habitabilidade". O fracaso na
consecución deste obxectivo é manifesto. Os planos sectoriais de piscifactorías
e de portos deportivos, os concursos eólicos, a política mineira, o aumento do
superávit de infraestruturas de transporte por estrada de alta capacidade, a
execución de concentracións parcelarias impactantes, ou o apoio firme a
REGANOSA na ría de Ferrol, son exemplos destacados de actuacións políticas
destrutoras do territorio. Medidas positivas como a aprobación da Lei da
Paisaxe, a moratoria urbanística no litoral ou a paralización dalgunhas
minicentrais hidroeléctricas non impiden que a incidencia global das políticas
do bipartito sobre o noso territorio teña sido moi negativo.
Alén diso,o Goberno apoiado por PSdG-PSOE e BNG incumpriu
totalmente ou en parte algúns compromisos salientables ambientalmente beneficiosos
que figuraban no programa que se comproteu a levar á práctica durante esta
lexislatura:
-Traslado de ENCE: non se rexistrou ningún avanzo palpable.
-Medio rural: o Programa de Desenvolvemento Rural non aposta
o suficiente por un modelo agrario sustentable. Elaborouse un Plan para o
Desenvolvemento da Agricultura Ecolóxica que supón un importante impulso á
produción ecolóxica certificada. A defensa do valor das terras agrarias, con
medidas como a prohibición da forestación ou o Banco de Terras, é positivo para
as sustentabilidade. A Xunta e o Parlamento non declararon inequivocamente a
Galicia como Zona Libre de Transxénicos. A Lei de Montes non concluiu a
tramitación e non foi consensuada coas organizacións ecoloxistas. Após a
catástrofe incendiaria do verán de 2006, houbo melloras na política de
incendios, particularmente en prevención, mais pouco se avanzou en materia de
xestión forestal sustentable, por exemplo, no combate á eucaliptización.
-Planificación territorial: non se tentou acadar o "Pacto
polo Territorio" para "planificar e ordenar os usos con criterios de
sostibilidade". Tampouco se aprobaron as Directrices de Ordenación do
Territorio, aínda que si se presentou un borrador que contén algunhas propostas
insustentables e que non foi obxecto dun procedemento de avaliación ambiental
estratéxica.
-Plan de usos do litoral: a súa elaboración está a sufrir un
grande atraso.
-Rexeneración, preservación e saneamento integral das rías:
o obxectivo de atinxir o saneamento integral das rías adiouse para a próxima
lexislatura.
-Plan de transporte público de proximidade nas áreas
metropolitanas de A Coruña-Ferrol e Pontevedra-Vigo: non se avanzou nada en
materia de transporte ferroviario.
-Novo Plan de Residuos: a proposta para o período 2007-2017,
sen aprobar, non rompe totalmente co modelo SOGAMA, mantendo a actividade da
incineradora de Cerceda (en 2017, queimaría o 30% dos residuos urbanos).
-Plan para o Aforro e a Eficiencia Enerxética: de impacto
moi limitado, incorporouse no Plan Enerxético de Galicia 2007-2012, que prevé
un aumento da demanda enerxética do 12,7% entre 2006 e 2012.
-Plan de Loita contra o Cambio Climático: aínda sen aprobar,
non supón unha diminución das emisións de gases de invernadoiro. Co Plan, en
2012 as emisións de gases de efecto
invernadoiro serán un 37% superiores ás de 1990, cando en 2006 tiñan medrado o
20,6 %.
"Goberne quen goberne, Galiza non se vende"
O balanzo desta lexislatura e das anteriores pon claramente
en evidencia o escaso ou nulo compromiso coa defensa ambiental e a
sustentabilidade da xeralidade dos políticos galegos e a necesidade de que a
cidadanía se mobilice por un modelo económico sustentable e xusto que mellore
as nosas vidas sen destruír o medio ambiente galego e global. É por iso que
Verdegaia participará na manifestación convocada para o próximo 15 de febreiro
baixo o lema "Goberne quen goberne, Galiza non se vende" pola rede Galiza non
se vende, da que forma parte desde a súa creación.
|