|
O Núcleo Comarcal de Verdegaia en Compostela desexa facer público o recoñecemento
e parabéns á corporación municipal de Oroso, pola comprometida mudanza
nos criterios de mobilidade sustentábel (ciclista e peonil)
introducidos na aprobación definitiva do Parque Empresarial San Martiño
II. Estanse a ver xa obras en execución dos itinerarios municipais de
conexión e continuidade co futuro polígono.
Un estudo de impacto ambiental que desbotara camiñar e a bicicleta
En setembro de 2007 saía a exposición pública o estudo de impacto
ambiental para o novo parque empresarial determinando literalmente que
"outras formas de mobilidade como a bicicleta ou o pé non poderían
considerarse alternativas ao sistema motorizado". Con esta desatinada
afirmación eliminaba calquera consideración para ciclistas e peóns, e
sustentaba un planeamento orientado exclusivamente aos desprazamentos a
motor, cun deseño altamento agresivo para o ambiente e as persoas.
16 motivos e colaboración norueguesa
Verdegaia apresentou alegación a este proxecto aludindo primeiro a
termos que o propio estudo recollía como a proximidade aos núcleos de
poboación "a 1500m de Sigüeiro" (menos de 8 minutos en bicicleta), a
orografía "o terreo preséntase en suave aba", en referencia ás
temperaturas "soporta un microclima tendendo á suavidade térmica", a
demografía "unha poboación nova dinámica e en alza" máis disposta a
prácticas alternativas, e a referencia a disposicións legais que esixen
limitar as emisións de CO2 nos accesos dos até 2000 postos de traballo
previstos.
No referente á pluviosidade Verdegaia puxo como exemplo a cidade de
Bergen en Noruega con altos índices de utilización da bicicleta malia
unha pluviosidade un 12% superior á de Oroso. Achegaronse os datos
fornecidos a Verdegaia por representantes do Concello de Bergen que se
mostraron con moito interese en partillar as súas experiencias no
fomento (aínda máis!) do uso da bici como unha práctica a prol da
sustentabilidade ambiental, a saúde da poboación e en definitiva o
incremento da calidade de vida das persoas. Naquela altura Verdegaia
presentaba un informe cun total de 16 motivos xustificados e razoados.
Reformulación radical
En maio de 2008 o Concello aprobaba en pleno o parque empresarial
aceitando as alegacións, modificando polo miudo a mobilidade do
proxecto e incluíndo a bicicleta e o camiñar como alternativas reais.
O proxecto aprobado inclúe criterios específicos para o deseño dos
itinerarios peonís e de bicicleta para "armar unha estrutura viaria
alternativa" e estimula as xestións para que o Concello asuma
actuacións externas que den continuidade ao planeamento do polígono a
medio de tres roteiros, nomeadamente: Estación de Oroso a Sigüeiro,
Vilanova a Barreiro e o Camiño Inglés.
Internamente establécense zonas de vias segregadas para a bici, vias de
paso exclusivas aproveitando zonas verdes e o corredor do gasoduto, e
zonas de aparcadoiro de bicis con situación estratéxica para optimizar
os accesos a todas as zonas incluso as de industria pesada. Prevese
tamén un plano periódico de seguimento ambiental con enquisas para
avaliar o emprego dos medios alternativos de mobilidade.
Fixéronse planos específicos e modificaronse outros para recoller estas
cuestións, e en todos os contidos de mobilidade aos que fai referencia
a memoria técnica tense en conta o camiñar e a bicicleta como un medio
máis de comunicación e mobilidade.
Unha aposta decidida, rigorosa e comprometida
Despois de avaliar polo miudo o proxecto modificado, a asociación
ecoloxista Verdegaia valora moi positivamente a resolución da
corporación municipal de Oroso e o equipo de arquitectura de Monteoliva
para actuar no San Martiño II con rigorosidade técnica e uns criterios
sustentábeis que de seguro van posibilitar unha actuación industrial
respectuosa co ambiente natural e coa saúde e calidade de vida das
persoas.
|