Verdegaia presentou hoxe en rolda de prensa a súa campaña Consomes ou
Devoras? centrada no consumo responsábel, xusto e sustentábel. Esta
campaña terá un carácter estábel e permanente, sustentada na
información e a denuncia máis tamén no activismo, aportando
alternativas e solucións a un modelo económico e de consumo que os
últimos acontecementos só veñen a confirmar como irracional e suicida.
O consumo responsábel non é a “solución total” a esta situación mais
si unha ferramenta importante. Verdegaia naceu apostando por contribuír
para avanzar na transformación social e mundial en termos de
sustentabilidade ecolóxica, xustiza social e paz, e nesta misión ten
moito que dicer o consumo responsábel, tanto á hora de denunciar o
destrutivo sistema do que facemos parte como para procurar e construír
alternativas que nos permitan superalo. O consumo responsábel é parte
indispensábel do traballo de procura dunha saída emancipatoria á crise
ecolóxica global (e á enerxética, financeira, alimentar...).
Por iso Consomes ou Devoras? aspira a ser lugar de encontro para
persoas e organizacións que, ademais de procurar contribuír para o
avanzo da sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social cos seus
hábitos privados, acreditan na necesidade de promover unha
transformación social e mundial, económica e política, nese mesmo
sentido. Por iso en Consomes ou Devoras? conflúen análise,
sensibilización e presión/mobilización, mais tamén desenvolvimento de
alternativas e apoio ás xa existentes.
A campaña Consomes ou Devoras? artéllase arredor dunha Guía de
Consumo Responsábel. A Guía é unha ferramenta para a reflexión e a
acción, unha fonte de información para calquera persoa interesada
nunhas instrucións básicas, unhas coordenadas para se orientar á hora
de consumir. A guía non foi pensada e redactada como algo isolado, fai
parte dunha campaña e ten un importante complemento: un sitio web
impulsado por Verdegaia diferente do propio web da asociación, un web
dedicado só ao consumo responsábel (www.consomesoudevoras.info). Era
necesario non só para ofrecer consellos concretos ou para procurar
esclarecer dúbidas, non só para achegar información actualizada...
senón para facer movimento, para fomentar a participación, e para xerar
sinerxías con outras iniciativas que xa se están a desenvolver.
Outra faciana desta campaña son os mercadiños de troco que Verdegaia
comezou a desenvolver no 2006 e que hoxe ten en marcha xunto con outros
colectivos en Vigo (Vigotroca), en Compostela e puntualmente en Ourense
e Ferrol. Neste senso compre denunciar actitudes absolutamente
incomprensíbeis por parte da administración municipal de Compostela e
Vigo, coas que a primeira prohibiu, da man do Concelleiro Carlos Nieves
a celebración da Feira do Troco mensual de Verdegaia na Praza de
Mazarelos por considerar que era venda ambulante, e a segunda ven de
impoñer unha taxa sobre calquera actividade de rúa, sexa do tipo que
sexa.
En definitiva, denunciar e construír, aportar o que está
na nosa mao para podermos viver sen destruír o planeta e o futuro... e
facelo sabendo que non somos os únicos a traballar nisto nen muito
menos, que cumpre xerar sinerxías, que xa hai iniciativas en marcha que
é necesario difundir e reforzar, que debemos sumar xente, ideas e
esforzos favorecendo a tan necesaria autoorganización cidadá...
Porque o consumo responsábel non é só un mercadillo de troco, nen só
unha compilación máis ou menos completa de “eco-consellos”, cando menos
non para Verdegaia. O consumo responsábel é parte do exercicio dunha
cidadanía responsábel e non se debe limitar ao ámbito persoal e privado
senón que se debe organizar colectivamente e transcender publicamente.
|