|
As emisións galegas de
gases causantes da mudanza climática volveron aumentar en 2007,
despois do descenso rexistrado entre 2004 e 2006. Segundo o informe
"Las emisiones de gases de invernadero por comunidades autónomas
en 2007", elaborado pola Secretaría de Medio Ambiente de CCOO, no
ano pasado emitíronse desde Galicia 35,8 millóns de toneladas de
GEI. Isto supón un 25,1% máis que en 1990, é dicir, 10 puntos máis
que o límite do 15% de aumento entre 1990 e 2008-2012 que o conxunto
do Estado español non debería superar para cumprir
Quioto.
As emisións de GEI en
Galicia están a aumentar menos que en España pero máis que no
conxunto da UE e dos países desenvolvidos.
O Estado español, que
aumentou as súas emisións nun 53,4% entre 1990 e 2007, é o máis
afastado dos obxectivos de Quioto. As emisións de Galicia retomaron
en 2007 a súa tendencia ascendente perante a pasividade de Xunta e
Concellos, que seguen sen considerar as alteracións climáticas un
asunto importante. A decepcionante proposta de Plano de Acción
fronte á Mudanza Climática presentada pola Xunta en xuño pasado
fíxase como obxectivo que as emisións continúen medrando nos
próximos anos, até seren un 37% superiores en 2012 a respecto de
1990. Para o Goberno galego contribuír á loita contra o maior
problema ambiental global desde un país desenvolvido consiste en
aumentar aínda máis as emisións que o provocan!.
Emisións por habitante moi superiores á media española
De acordo
co devandito informe, as emisións por habitante de Galicia en 2007
foron de 12,9 toneladas, moi superiores ás emisións medias
españolas, de 9,7. As emisións galegas son superiores ás españolas
mesmo descontando as emisións que a Xunta estima debidas á
produción en Galicia de enerxía consumida fóra do noso territorio,
e que supoñen un 14,7% das totais, o que deixaría as nosas emisións
por habitante en 11 toneladas. Malia representar o 5,1% do PIB e o
6,1% da poboación estatais, o noso país achega o 8,1% das emisións
españolas.
As elevadas emisións por habitante de Galicia
débense sobre todo á actividade das centrais térmicas de carbón
das Pontes (ENDESA) e de Meirama (UNIÓN FENOSA). Estas dúas
ineficientes e contaminantes centrais eléctricas, auténticas
fábricas de mudanza climática, emitiron un total de 14 millóns de
toneladas de GEI en 2007, é dicir, o 39 % das emisións totais
galegas. A central das Pontes, con 8,9 millóns de toneladas, volveu
ser o maior foco emisor de GEI en España, mentres que a de Meirama,
con 5,1, ocupou o sexto lugar no ranking das instalacións
industriais españolas que máis contribuén ao quecemento
global.
Verdegaia demanda das institutucións galegas un
compromiso sólido na loita contra a mudanza climática, o que pasa
sobre todo por introducir mudanzas importantes nas políticas
enerxética e de transporte que reduzan as emisións de dióxido de
carbono e outros GEI. Deixar de producir electricidade con carbón,
promover moito máis o aforro e a eficiencia na produción e o
consumo de enerxía e limitar o protagonismo desmedido do coche e do
camión no transporte son medidas esenciais. Sen mudanzas nas
políticas, só a crise económica e prezos elevados da enerxía
farán que se reduzan algo as emisións.
Máis información:
Las emisiones de gases de invernadero por comunidades autónomas en España 2007
As emisións galegas de efecto invernadoiro aumentaron o 20,5% entre 1990 e 2006
As emisións de CO2 das térmicas galegas aumentaron case un millón de toneladas en 2007
|