Nas alegacións presentadas a pasada
semana, Verdegaia esixe
a retirada do Plan Director de Estradas e a elaboración
dun Plano
Galego de Transporte e Infraestruturas Sustentábel, que priorice a
“creación de proximidade” e a redución da demanda de transporte
(de forma integrada coa planificación territorial e urbanística),
restrinxa fortemente o transporte privado (sobre todo nas comarcas
urbanas), fomente a intermodalidade, e logre unha transferencia
substancial de pasaxeiros e mercadorías cara aos modos de transporte
menos contaminantes (ferrocarril, autobús, bicicleta,...).
O
Plano Director de estradas de Galicia (PDEG) erra radicalmente nas
solucións propostas concepto, incluíndo mesmo afirmacións
impropias dunha administración cunha mínima conciencia da
problemática ambiental e das fondas consecuencias negativas que un
sistema de transporte baseado no abuso do automóbil privado
representa para o conxunto da cidadanía tanto no súa faciana social
como ambiental. Así, óllase
como positivo, moderno e síntoma de progreso a "aceleración da
globalización da economía" e a "expansión territorial dos
ámbitos de relación" o que, afondando no erro conceptual, serve
para apoiar irresponsabelmente a "multiplicación e diversificación
da mobilidade" evidentemente baseada no emprego masivo de vehículos
a motor, fundamentalmente o automóbil.
O
PDEG forma parte dunha planificación
conxunta do territorio desenvolvida pola Consellería de Política
Territorial, Obras Públicas e Transporte. que
tamén abrangue, segundo o documento, as Directrices de Ordenación
do Territorio (DOT) e o Plan de Integral de Transportes de Galicia
(PITGAL).
Lamentabelmente
unha vez máis, malia rimbombantes anuncios, o deseño de actuacións
que supoñen un inxente volume de orzamentos públicos fanse sen unha
mínima coordinación e sen ningún plano global que afronte a
problemática da mobilidade en Galiza. As DOT están neste intre en
fase de información pública, ao igual que o presente Plan, e do
PITGAL, que semella representar o papel de plan director de
transporte, non se sabe nada agás unhas declaracións da conselleira
María Xosé Caride que cualificaban de "complexa" a súa
elaboración.
Como
se pode sequera pensar en desbaldir 16.000 millóns de € en
infraestruturas por estrada sen ter definido previamente as
necesidades actuais e futuras, e o máis importante, os medios e
medidas precisos para atendelas?
O
transporte non se pode entender como un feito illado senón como
parte integral dunha concepción determinada do territorio e da
sociedade nel inserida, concepción que ten que partir
ineludiblemente das realidades actuais máis cun importante marxe de
manobra para mudar as realidades futuras. A formulación do PDEG
amosa claramente a carencia desta visión integral xa que define un
triunvirato de plans do que o máis importante (as DOT) non está
vixente e o segundo en importancia (o PITGAL) non está nin
redactado. O presente PDEG é só un sub-plan destes dous máis polo
que se ve, ten vida de seu.
Galiza
está por enriba da media estatal en km de estradas tanto en relación
á súa superficie como en relación á súa poboación. Non só iso,
Galiza
conta actualmente con 1000 km de vías de alta capacidade, segundo
datos da propia Consellería de Política Territorial, dato que a
sitúa, con 34 km/1000 km2 por encima da media europea que é de 15,9
km/1.000 km2 e ao mesmo nivel que Francia.
Entón,
porque teimamos en aumentalos a 2.300 km ao que lle hai que sumar 466
km de autovías libres de peaxe para acadar unha redución inicamente
do 16% nos tempos medios de viaxe?
Porqué
pretendemos hipotecar 16.000 millóns en estradas cando contamos
cunha rede ferroviaria absolutamente obsoleta, con liñas deseñadas
e construídas entre 1870 e 1962, unha rede que conta co 40% das
curvas de radio menor ou igual de 300 m e o 20% das curvas de radio
menor ou igual de 500 m de toda a rede de RENFE, cunha lonxitude de
tan só o 7,2% do total.
E
como pretendemos, no colmo do esperpento construír unha autovía
libre de peaxe paralela a unha autoestrada xa en funcionamento (A-9)
e na que mesmo xa se está a falar de desdobrar carrís?.
Precisamos elaborar un Plano
Galego de Transporte e Infraestruturas Sustentábel, que priorice a
“creación de proximidade” e a redución da demanda de transporte
(de forma integrada coa planificación territorial e urbanística),
restrinxa fortemente o transporte privado (sobre todo nas comarcas
urbanas), fomente a intermodalidade, e logre unha transferencia
substancial de pasaxeiros e mercadorías cara aos modos de transporte
menos contaminantes (ferrocarril, autobús, bicicleta,...) e deixar o PDEG esquecido no máis escuro dos arquivos da administración.
|