A permisividade cara ás térmicas de carbón restaría moita efectividade ambiental ao PNA. No propia proposta de PNA indícase que as térmicas de carbón emiten por termo medio 0,92 tCO2/MWh de electricidade xerada, fronte ás 0,34 tCO2/MWh das centrais térmicas de ciclo combinado a gas natural. A pesar disto, a proposta de PNA asigna case 3 veces máis dereitos ao carbón que a outras tecnoloxías menos emisoras. En 2005, ano no que entrou en vigor o comercio europeo de emisións de CO2, as centrais españolas de ciclo combinado non esgotaron os seus dereitos de emisión, o que demostra que a xeración eléctrica con carbón está a ser pouco desincentivada polo comercio de emisións, malia o seu enorme impacto sobre o clima.
Verdegaia, que presentou comentarios perante o Ministerio de Medio Ambiente de cara á elaboración do PNA 2008-2012 , reclama, ao igual que principais organizacións ecoloxistas internacionais, que as asignacións ao sector eléctrico se fagan sobre a base das emisións promedio por electricidade producida e non por volume de CO2 xerado. Desta forma poderíanse reducir en maior medida as emisións galegas e españolas, sen recorrer de forma tan excesiva como prevé o Goberno central á compra de créditos de carbono, o que contraría o espírito de Protocolo de Quioto, ademais de aumentar os custos económicos para o conxunto da sociedade.
O PNA de Dereitos de Emisión 2008-2012 establecerá canto poden emitir gratuítamente as instalacións dos sectores industriais que participan no comercio de emisións (centrais térmicas, refinerías,
cementeiras,...) entre 2008 e 2012. No Plano determínase o número total de dereitos a outorgar, así como a estrutura e as regras para o reparto de dereitos, que logo se cuantificarán instalación por instalación. O PNA é o principal instrumento para cumprir o Protocolo de Quioto. As emisións galegas reguladas polo Protocolo de Quioto aumentaron o 45,9% entre 1990 e 2005, tres veces máis do límite fixado para o conxunto do Estado español.
Nota: En abril, Verdegaia presentou o informe "Centrais térmicas de carbón: grandes fábricas de cambio climático", onde se explica a destacada contribución ao cambio climático da produción eléctrica a partir de carbón. Pódese descargalo
aquí