|
Verdegaia paralisou de novo a construción dunha pista da concentración parcelaria de Covas por afectar a unha das zonas húmidas que integran a Rede Natura 2000. As obras serán denunciadas perante a Fiscalía de Medio Ambiente, sen descartar a posibilidade de presentar unha queixa perante a Comisión Europea para que retiren os fondos FEOGA cos que se financia a parcelaria.
O pasado mércores, compañeiros e compañeiras de Verdegaia-Ferrol paralisaron as obras de construción
dunha pista da concentración parcelaria na parroquia ferrolá de
Covas, promovida pola Consellaría de Medio Rural, ao verse
directamente afectado un dos humidais que integran a Rede Natura
2000; nomeadamente, o LIC "Costa Ártabra" e a ZEPA
"Costa de Ferrolterra-Valdoviño". Previamente, os feitos
foron denunciados verbalmente ante a Delegación Provincial da
Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible,
persoándose máis tarde no lugar dous gardas do Servizo de
Conservación da Natureza de dito organismo para a elaboración do
correspondente informe sobre as obras.
Se
hai varias semanas se paralisáron os traballos de desbroce previos á
construción de novas pistas na zona de Ponzos (ZEPA "Costa
de Ferrolterra-Valdoviño"), por afectar tamén a unha zona
húmida, desta vez paralizáronse os mesmos traballos noutra zona
húmida de Santa Comba. Ademáis, constatouse que varias moreas de
entullos foron depositados ao longo do novo trazado para consolidar o
seu firme. A construción deste novo vial conlevaría tanto a
alteración do nível freático como a fragmentación do humidal
afectado, mermando o seu potencial biolóxico. No momento de
marcharen os gardas da Consellaría de Medio Ambiente, "casualmente"
apareceron dous veciños afectados polo proceso parcelario que
tiveron un enfrentamento verbal, en ton ameazante, cun activista de
Verdegaia. Este, evitando en todo momento calquera enfrontamento
físico, advertiulles a ambos veciños que emprendería accións
xudiciais contra deles se a súa integridade física chegase a verse
ameazada. Finalmente todo ficou nunha breve pero intensa discusión
"acalorada".
A
pesar de que existen informes da Consellaría de Medio Ambiente que
poñen de manifesto diversas irregularidades detectadas na
tramitación e execución do proxecto parcelario que se creou
específicamente para as zonas costeiras de Santa Comba, Sartaña,
Ponzos e As Cabazas (téenicamente denominados subperímetros); como
pode ser non someterse o proxecto a unha Avaliación de Impacto
Ambiental, por exemplo. E pese ao compromiso das Consellarías de
Medio Ambiente e de Medio Rural de evitar a construción de novas
pistas nas zonas costeiras incluidas na Rede Natura. Semella que
ambos organismos, en petit comité, decidiron seguir adiante
coa desfeita para atender así os intereses particulares e
partidistas de proprietarios/as de terreos afectados e de políticos
locais, respectivamente, ante a proximidade das elecións
autonómicas. Con esta atitude, a Xunta de Galicia está omitindo as
suas funcións de velar pola salvagarda dos intereses xerais; que
neste caso son a preservación dos espazos que integran a Rede Natura
2000, dacordo coa Directiva 92/43/CEE de "Hábitats". En
calquera caso, Verdegaia vai denunciar os feitos ante a Fiscalía de
Medio Ambiente e mesmo, de ser necesario, presentar unha queixa ante
a Comisión Europea para pedir que se retiren os fondos FEOGA cos que
se está financiando a concentración parcelaria, ao vulnerarse tamén
a normativa comunitaria.
Por
outra banda, insistimos na necesidade de que tanto o Ministerio de
Medio Ambiente como a Xunta de Galicia se fagan coa titularidade dos
terreos incluidos na Rede Natura 2000 afectados pola concentración
parcelaria; moi especialmente as zonas dunares e os húmidas en
distinto grau de evolución que se atopan nas zonas costeiras de
Sta. Comba, Sartaña, Ponzos e As Cabazas.
|