|
Verdegaia demanda que se paralicen os traballos de reiniciación da concentración parcelaria na parroquia de Covas polo seu impacto ambiental. Denuncia que a Xunta incumpriu o seu compromiso de salvagardar tanto as zonas costeiras que integran a Rede Natura como o humidal das Cabazas e reitera a necesidade de que a Xunta e o Ministerio de Medio Ambiente se fagan coa titularidade dos predios.
Ante o que semella unha reiniciación dos traballos de concentración
parcelaria nas zonas costeiras de Santa Comba, Ponzos, Sartaña e As
Cabazas, na parroquia de Covas (Ferrol), por parte da empresa Tragsa,
consistentes no desbroce e na sinalización dos viais proxectados que
quedaron por construir ou rematar, Verdegaia informa que vén de
dirixirse ás Delegacións Provinciais de Medio Rural e de Medio Ambiente
para esixir a paralización inmediata destes traballos, ao efectuárense
sobre hábitats naturais de interese comunitario que motivaron a
inclusión das citadas zonas costeiras na Rede Natura 2000 (L.I.C. Costa
Ártabra e Z.E.P.A. Costa de Ferrolterra-Valdoviño).
Tanto a construción de viais como a creación de novas
parcelas efectuados nas zonas de Sta. Comba, Ponzos, Sartaña e As Cabazas até a
data de paralización, conlevou o fraccionamento e a degradación de humidais e
de zonas dunares existentes, entre outros hábitats naturais protexidos.
Pretender continuar cos traballos de parcelación nos termos previstos
inicialmente resultaría unha nova agresión que non se pode tolerar máis, dado
que agravaría máis ainda o deterioro ambiental de ditas zonas costeiras.
Lembramos, que trala ocupación dos novos predios, Verdegaia leva denunciado o
verquido de entullos e a plantación ilegal de eucaliptos, chopos e piñeiros nas
zonas de humidal, incendios forestais intencionados,
etc. A concentración parcelaria supuxo, ademáis, a desaparición das práticas
agrícolas tradicionais nestas zonas.
Cabe lembrar tamén que existen informes da propia Xunta de Galicia
(Consellería de Medio Ambiente) que poñen de manifesto a situación irregular do
devandito proceso concentrador, ao vulnerarse varias normativas ambientais, e
nos que ademáis se recomenda excluir de novo as citadas zonas costeiras do
proceso concentrador, tanto por razóns ambientais como por careceren de valor
productivo agrario.
Con dita actitude, tanto a Consellería de Medio
Ambiente como a de Medio Rural están vulnerando o compromiso adquirido con
Verdegaia en varias xuntanzas mantidas nos últimos anos de salvagardar as zonas
costeiras de Sta. Comba, Sartaña e Ponzos, integradas na Rede Natura 2000, e de
protexer legalmente o humidal das Cabazas para que o Ministerio de Medio
Ambiente poida adquirir os terreos. En calquera caso, con compromiso ou sen el,
a Xunta de Galicia ten o deber legal de salvagardar tanto os espazos naturais
da Rede Natura como os hábitats naturais e as especies que os integran,
lembrando que o interese xeral debe prevalecer sempre sobre calquera outro
interese particular ou partidista.
Por último, queremos reiterar unha vez máis a
necesidade de que tanto a Xunta de Galicia como o Ministerio de Medio Ambiente
se fagan coa titularidade dos predios existentes nas zonas costeiras de Sta.
Comba, Sartaña, Ponzos e As Cabazas, tal e como xa se plantexou formalmente en
diferentes ocasións, como única solución viabel para preservar os valores
naturais de ditas zonas. Pretender continuar coa concentración parcelaria nesas
zonas suporía prolongar máis aínda o conflicto, dado que nos veríamos na obriga
de iniciar accións legais contra a Xunta e, chegado o caso, mesmo paralizar nós
mesmos as obras.
|