|
Verdegaia denuncia que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente autorizou neste ano a pesca do sábalo (Alosa alosa) a pesar de estar incluído no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA) como especie vulnerable. Desta forma, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza non respectou o Catálogo que ela mesma aprobou, o que constitúe certamente un feito moi grave. Verdegaia defende que a conservación das especies e poboacións de peixes fluviais ameazadas non se supedite aos intereses da pesca fluvial. Esta é unha das propostas que presentou para o Plano de Ordenamento dos Recursos Piscícolas das augas continentais que está a elaborar a Consellaría de Medio Ambiente.
A
autorización da pesca do sábalo supón que a
Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas
incumpriu unha norma aprobada pola Dirección Xeral da que
forma parte. Tan lamentable como este feito é que a
Consellaría de Medio Ambiente non incluíse o salmón
(Salmo salar) -nin tan sequera as poboacións máis
ameazadas- e a saboga (Alosa fallax) no CGEA, que entrou en
vigor en maio de 2007. Permitir que especies de peixes ameazadas de
extinción poidan ser obxecto de pesca é froito de
antepor os desexos do colectivo de pescadores -que só
representa o 3% da poboación galega - á conservación
da biodiversidade.
Verdegaia
considera que a mellora do estado de conservación dos peixes e
do resto da fauna das augas continentais pasa por evitar a pesca
fluvial excesiva, por mellorar os hábitats e por controlar as
especies exóticas invasoras. A proposta de Plano de
Ordenamento dos Recursos Piscícolas e Ecosistemas Acuáticos
Continentais practicamente só aborda a cuestión da
xestión da pesca fluvial e faino ademais con carencias. Por
outro lado, a proposta de Plano carece de orzamento e dun calendario
para o seu desenvolvemento, o que fai pensar que, en grande medida, é
unha declaración de intencións.
Para
facer que a pesca fluvial sexa compatible coa conservación da
natureza, e alén de non permitir a captura de especies,
subespecies ou poboacións de peixes ameazadas de extinción,
Verdegaia é partidaria, entre outras cousas, de non crear máis
coutos intensivos de pesca, de non aproveitar canteiras e graveiras
en desuso para fomentar a pesca de peixes exóticos, de esixir
o exame do pescador para obter a licenza de pesca -en aplicación
do Regulamento de Pesca Fluvial de Galicia vixente- ou de mellorar
sustancialmente a transparencia e a participación social na
xestión da pesca fluvial.
Verdegaia
apoia medidas incluídas xa no Plano, como as accións
destinadas ao aumento da accesibilidade para os peixes migradores, a
elaboración de planos de ordenamento dos recursos piscícolas
por concas ou subconcas, a creación de novos acoutados de
pesca sen morte ou a adecuación dos medios da Dirección
Xeral de Conservación da Natureza para que poida desenvolver
unha xestión da pesca fluvial sustentable.
Alegacións ao Plano Galego de Ordenación de recursos Piscícolas
Notas:
O
sábalo (Alosa
alosa)
foi incluído no Catálogo de Especies Ameazadas como
especie vulnerable
(http://medioambiente.xunta.es/espazosNaturais/detalleespeciecat.jsp?ID_ESPECIE=211&ID_CATEGORIA=11).
Malia estar prohibida a súa captura, a propia Dirección
Xeral de Conservación da Natureza permitiu a súa pesca
na Orde
do 22 febreiro de 2008 pola que se
establecen
as normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma
de Galicia durante a tempada 2008.
http://www.siam-cma.org/lexislacion/doc.asp?id=3469.
O artigo 5º desta orde estabelece as Normas para a pesca do
sábalo, permitindo a súa pesca nun tramo do río
Ulla.
|