|
Verdegaia-Vigo organizará un roteiro pola Serra do Galiñeiro o vindeiro domingo día 29 de xuño para celebrar a organización continuada de roteiros mensuais pola comarca de Vigo durante os últimos dous anos. Neste tempo puidemos visitar diferentes enclaves naturais da comarca e arredores coma a Enseada de San Simón, a Serra da Groba, a costa de Nigrán, as dunas de Barra e Nerga, o Esteiro do Miño, as Ribeiras do Louro… celebrando camiñatas para divulgar e coñecer mellor os valores naturais e as desfeitas ambientais que albergan estos lugares. De agora en diante, a periodicidade destes roteiros será cada dous meses.
Ademais, dende a
nosa asociación queremos festexar este segundo aniversario na
Serra do Galiñeiro xa que, ademais, a Consellaría de
Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible a pretende incluír
no Parque Natural do Monte Aloia grazas a unha alegación
apresentada por Verdegaia ó P.R.U.X. deste Parque Natural que
se baseou na grande cantidade de valores naturais, xeolóxicos
e arquoléxico-etnográficos que alberga este enclave do
sur galego que actualmente non conta con ningunha figura de
protección.
O itinerario previsto é o
seguinte: sairemos do I.E.S. Santa Irene (Praza de América
s/n) ás 11:00 h. para coller o autobús urbano que nos
levará ate o Campus da Universidade de Vigo; logo e xa a pé
iremos a Zamáns, Vilaverde, Casal de Abade, Loma da zorra,
Cumio do Galiñeiro, cova da Becha, e ó Encoro de
Zamáns. A volta ó lugar de partida realizarase tamén
en autobús urbano e a media tarde.
Entre os valores
naturais que alberga a Serra do Galiñeiro salientan a presenza
nas partes máis elevadas de especies vexetais orófilas
e de comunidades rupícolas con abundantes endemismos, a
existencia de zonas de breixeiras húmidas sobre depósitos
de turba, de brañas e turbeiras con presenza de especies de
interese, e de diferentes tipos de matogueiras (oromediterránea,...).
Ademais, destaca a presenza de diversas poboacións de aves de
grande interese como o merlo azul, a azulenta papuda, o pedreiro
cincento, e a existencia de poboacións de anfibios ameazados e
endémicos como a saramaganta ou a ra patilonga.
Esta serra,
ademais, alberga unha grande riqueza xeolóxica cunha ampla
gama de minerais e formacións xeolóxicas de interese
(cavidades graníticas,...), e unha chea de valores
arqueolóxico-etnográficos como o panel de armas de
"Auga da Laxe" de características únicas no
continente europeo ou os campos de mámoas presentes na zona.
O percorrido é
de dificuldade baixa e realizarase coa axuda dun guía da
asociación que dará explicacións precisas sobre
os diferentes aspectos que se irán observando ao longo da
xornada.
O roteiro durará
o día enteiro polo que cómpre levar comida, calzado e
roupa axeitados, e prismáticos se se dispón deles.
Ademais, é aberto e gratuito para todas e todos.
Esta actividade
organízase en transporte público colectivo para non
empregar o vehículo privado e así non contribuír
ao avanzo do cambio climático.
|