|
Coñece en tren e a pé un dos espazos húmidos intermareais máis extensos, descoñecidos e de maior valor ambiental de Galiza. É o habitat de máis de 60 especies de aves entre as que está a escribenta das canaveiras, unha reliquia destas brañas que está en perigo de extinción, ou a folosa acuática, tamén ameazada. A foz do río Ulla é tamén o escenario de antigas e modernas referencias literarias, misteriosas lendas e o sustento de ancestrais actividades humanas que se coñecerán neste roteiro.
Farase tamén unha revisión sobre o terreo do proxecto do Ministerio
do Ambiente, que pretende instalar alí uns camiños, aparcadoiros, postos de
observación de aves, unha praia fluvial e un embarcadoiro. Verdegaia
solicitou no ano 2007 que este proxecto se sometese ao proceso de avaliación
do impacto ambiental.
O roteiro organízase en colaboración coa
Concellaría de Desenvolvemento Local do Concello de Dodro, e divúlgase tamén
nas freguesías de Dodro co obxectivo de facer unha actividade conxunta entre
visitantes de fóra das brañas e a veciñanza que vive a pé do espazo, e así
podermos intercambiar impresións, experiencias e coñecementos. Asistirán
estudosos/as da Braña que explicarán aspectos naturalistas, sociais e
históricos do lugar.
DATOS PRÁCTICOS:
Hase
levar o xantar, a merenda e a cantimplora; botas para a lama, chapeu
para o sol e os prismáticos quen os teña. A camiñada é duns 16 km (12 km
para o grupo de Dodro).
O grupo de Compostela, xuntámonos na
estación do tren ás 10:00 para irmos a Catoira e ter unha primeira
perspectiva do conxunto brañego desde o camiño de ferro. Colleremos o tren
de volta en Padrón para chegarmos ás 22:30. O prezo do tren son 5,70€ ida e
volta.
En Dodro, o lugar de encontro é o SERRADOIRO de BEXO
(na Redonda do Río) ás 11:30 e o remate antes das 21:30 na depuradora de
Lestrove.
Outras SAIDAS posíbeis en tren son: A Coruña 09:30,
Ordes 10:12, Vigo 09:15, Pontevedra 09:42 e Vilagarcía 10:17. O tren do sur
chegaría a Catoira ás 10:27, e agardarían o grupo de Compostela ás
11:00. As correspondentes CHEGADAS serían: A Coruña 23:20,
Vilagarcía 21:30, Pontevedra 22:04, Vigo 22:42 Para os destinos sur hai que
adiantarse a coller o tren das 21:08 en Padrón.
Info e inscrición: 645 567 609
|