|
Verdegaia
denuncia que as centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama emitiron en
2007 tanto dióxido de carbono (CO2) como 660.156 familias españolas con hábitos enerxéticos
insustentables. En 2008, a ONU dedica o Día do Ambiente (5 de xuño), a chamar a atención sobre a necesidade dunha economía baixa en
carbono. En Galicia, iso pasa hoxe sobre todo por reducir drasticamente a
produción eléctrica con carbón. Porén, a Xunta segue sen facer nada neste senso.
Centrais térmicas de carbón como
a das Pontes (ENDESA) e a de Meirama (UNIÓN FENOSA) so pouco eficientes e moi
intensivas en emisións de CO2. As reformas de que son obxecto para
queimaren só carbón de importación desde este ano a penas mellorarán a súa
eficiencia e reducirán as súas emisións de CO2. A pesar de se teren duplicado as emisións do
sector do transporte en Galicia entre 1990 e 2006, a produción eléctrica nas
centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama segue a ser, con diferenza,
a principal fonte de GEI no nos país, supoñendo nada menos que o 37% das
emisións totais en 2006, fronte ao 20% do transporte, o segundo sector que máis
contribúe ás alteracións climáticas desde Galicia. As centrais térmicas de
carbón emitiron en 2006 1,9 veces máis
CO2 que todos os coches, autobuses e camións que circularon polas
estradas galegas nese ano.
Ningún Goberno autonómico que,
como o actual e como os anteriores, diante das maiores "fábricas de mudanza
climática" de Galicia olle para outro lado, se pode considerar seriamente
comprometido na loita contra a mudanza climática, o maior desafío ambiental
global. A Xunta non reclamou ao Goberno
central unha menor asignación de permisos de emisión de CO2 ás
térmicas de carbón, para desincentivar máis a xeración eléctrica con carbón.
Tampouco endureceu o débil imposto autonómico sobre a contaminación
atmosférica, que non grava as emisións de CO2 e que até hoxe moi
pouco contribuiu á redución das emisións doutros gases das térmicas, que
resultaron da aplicación de lexislación europea. O Plano Enerxético 2007-2012 que elabora a Consellería de Innovación
e Industria prevé que as emisións totais das centrais térmicas non se reduzan,
a pesar da entrada en funcionamento das dúas novas centrais térmicas de ciclo
combinado a gas natural das Pontes e de Sabón, máis eficientes e menos
contaminantes cás de carbón.
Plano Galego para a Redución das Emisións de GEI
A xuízo de Verdegaia, o Plano
Galego para a Redución das Emisións de GEI, cuxa presentación ten sido
anunciada en diversas ocasións desde o comezo da lexislatura e sucesivamente atrasada, debería incluír
tamén medidas para a redución sustancial das emisións das centrais térmicas,
entre outros sectores. Este Plano, de cuxa coordenación é responsable a
Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, tería que implicar a
todo o Goberno e debería incluír un conxunto de accións capaces de facer que o
aumento das emisións totais de GEI no período 2008-2012 non superase o 15% a
respecto de 1990 -limite co que se
comprometeu o conxunto do Estado español para cumprir o Protocolo de Quioto- e atinxir no ano 2020 unha redución do 30%. Entre
1990 e 2006, as emisións de GEI aumentaron en Galicia o 20,5%, moito menos que
en España -o estado máis afastado do cumprimento do Protocolo de Quioto- pero
moito máis que no conxunto dos países industrializados.
Nota: A comparación entre as emisións de
CO2 das centrais térmicas de carbón galegas e as das familias
españolas baséanse, por un lado, no dato de emisións das térmicas en 2007
difundido pola Consellería de Medio Ambiente (14.048.139 toneladas) e nun
estudo que estimou as emisións diarias de CO2 dunha familia española
de cinco membros con residencia nunha vivenda de 110 m2 no levante español nun día de inverno, en
dous supostos: con hábitos enerxéticos insustentables e con hábitos enerxéticos
sustentables. No primeiro caso, as emisións de CO2 serían de 58,32
kg/día e no segundo de 29,02 kg/día. Polo tanto, se consideramos familias que
adoptan hábitos enerxéticos eficientes, as emisións das térmicas das Pontes e
de Meirama equivalerían ás de 1.326.547 familias, en lugar de 660.156.
|