|
Verdegaia felicita á Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel por ter en conta a súa proposta de ampliación do Parque Natural do Monte Aloia para pasar a abranguer dentro dos seus límites toda a Serra do Galiñeiro, como anunciou o Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel o pasado sábado nese mesmo Parque Natural.
Verdegaia
apresentou a súa proposta de ampliación deste espazo
natural protexido o pasado 21-1-08 como alegación en relación
á resolución do 21 de novembro de 2007, da Dirección
Xeral de Conservación da Natureza, pola que se someteu a
información pública e audiencia o Plano reitor de uso e
xestión (P.R.U.X.) deste parque natural publicada no D.O.G.
nº 246 de 21-12-2007.
A alegación de Verdegaia ao
P.R.U.X. deste Parque Natural baseáronse na grande cantidade
de valores naturais, xeolóxicos e arquoléxico-etnográficos
que alberga esta serra do sur galego que actualmente non conta con
ningunha figura de protección.
Entre os valores naturais que alberga a
Serra do Galiñeiro salientan a presenza nas partes máis
elevadas de especies vexetais orófilas e de comunidades
rupícolas con abundantes endemismos, a existencia de zonas de
breixeiras húmidas sobre depósitos de turba, de brañas
e turbeiras con presenza de especies de interese, e de diferentes
tipos de matogueiras (oromediterránea,...). Ademais, destaca a
presenza de diversas poboacións de aves de grande interese
como o merlo azul, a azulenta papuda, o pedreiro cincento, e a
existencia de poboacións de anfibios ameazados e endémicos
como a saramaganta ou a ra patilonga.
Esta serra, ademais, alberga unha
grande riqueza xeolóxica cunha ampla gama de minerais e
formacións xeolóxicas de interese (cavidades
graníticas,...), e unha chea de valores
arqueolóxico-etnográficos como o panel de armas de
"Auga da Laxe" de características únicas no
continente europeo ou os campos de mámoas presentes na zona.
Actualmente, a Consellaría de
Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel xa está
realizando as xestións necesarias para facer efectiva a
ampliación solicitada pola nosa asociación mais dende
Verdegaia demandamos que esta ampliación sexa de verdade
levada adiante, cuns planos definidos e que vaia acompañada
dos recursos suficientes para asegurar unha boa xestión xa que
o orzamento destinado pola Xunta de Galicia para a xestión dos
parques naturais resulta na actualidade claramente insuficiente.
Ademais, agardamos que a Consellería
de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel faga o mesmo caso
de todas as alegacións apresentadas por Verdegaia.
Alegacións para a ampliación do P.N Monte Aloia
|