|
Verdegaia
demanda que as obras de ampliación da estrada Covas-San Xurxo
(Ferrol) sexan escrupulosamente respetuosas cos valores naturais da
zona afectada e require
da Deputación Provincial que se teñan en conta unha
serie de criterios ambientais á hora de executar as obras co
obxecto de integrar a estrada no contorno e salvagardar as
comunidades vexetais e os hábitats de interese.
En
relación ao proxecto de "Ampliación e Mellora
do Trazado da Estrada C.P. 3606 de Covas a San Xurxo (Ferrol)",
promovido pola Deputación Provincial de Coruña,
Verdegaia informa que ven de remitir un escrito a dito organismo para
demandar que o proxecto sexa o máis respetuoso posibel cos
valores ecolóxicos e paisaxísticos da zona afectada,
dado que o vial a ampliar e mellorar descurre entre varios espazos
naturais da Rede Natura 2000 (L.I.C. "Costa Ártabra"
e Z.E.P.A. "Costa de Ferrolterra-Valdoviño") e o
Humidal das Cabazas (en trámites de ser declarado Humidal
Protexido).
No
devandito escrito demandamos que, previamente ao comezo das obras, se
busque un lugar axeitado para armacenar os materias de obra,
instalación de galpóns, estacionamento e mantemento de
maquinaria, etc., co obxecto de evitar o deterioro das zonas
ambientalmente sensibeis existentes nas marxes da estrada.
Tamén
se pide que os materiais sobrantes procedentes das obras (entullos,
pavimento asfáltico, terra, pedras, etc.) non se depositen ou
se extendan polas marxes da estrada, coa fin de non afectar a
comunidades vexetais de interese ou aos hábitats naturais que
motivaron a protección do contorno afectado. Neste senso,
pídese que ditos materias se trasladen a un lugar axeitado
para a sua correcta xestión, evitando que sexan cedidos a
particulares, dado que na maioría dos casos son utilizados en
recheos ilegais de brañas, leiras, etc.
Tamén
se demanda que se teña especial coidado de non afectar a
varios matos de Camariña (Corema album), por tratarse
dunha especie vexetal en regresión. Para elo, pídese
que as obras de ampliación da estrada se efectuen nesta zona
cara a marxe oposta.
Asimesmo,
solicítase que o novo trazado resultante das obras de
ampliación e mellora se adapte, na medida do posibel, á
rasante do terreo para evitar a formación de taludes
desproporcionados que ocasionen un impacto paisaxístico
importante. Naqueles casos nos que non quede outra alternativa,
esíxese que os taludes se acondicionen e perfilen debidamente
para permitir unha pronta integración da estrada no contorno.
Por
outra banda, Verdegaia manifestouse contraria á modificación
do trazado da estrada no treito comprendido entre os pontos
quilométricos 1 + 250 e 1 + 520 (na curva de esmelle), sendo
partidaria de que se manteña o trazado orixinal nesta zona
con outro tipo de melloras, dado que implicaría invadir parte
da braña constituida polo Rego de Soagraña (integrada
na Rede Natura). Non obstante, de ser absolutamente necesaria dita
modificación para mellorar a seguridade vial, pídese
que as obras se axusten estrictamente ao espazo que ocupe o novo
trazado, evitando que a maquinaria transite por fora de dito ámbito;
que non se depositen entullos ou outros materias de obra sobre a
braña ou lugares adxacentes e que non se drague o Rego de
Soagraña neste ponto.
Co
obxecto de integar no contorno natural o aparcadoiro previsto fronte
ao camping existente na zona, demándase que se pavimente con
celosías prefabricadas de formigón, tipo Recyfix
(o mesmo pavimento que se instalou nos aparcadoiros da Praia de
Doniños), en sustitución do pavimento asfáltico.
Tamén se pide que a ampliación dos arcéns para o
tránsito peonil, denominado paseo "slurry",
vaia ao mesmo nivel que a estrada, se pinte de cor verde e se
delimite cun tipo de adoquín inserido no pavimento de forma
descontinua a modo de bolardos, evitando así a construción
de beirarruas convencionais. Tamén se demanda que non se
cimenten as novas gávias ("cunetas"). Estas medidas
contribuirían a minimizar enormemente o impacto paisaxístico
das obras de sobredimensionado da estrada, evitando o desvirtuamento
do contorno natural no que se levan a cabo.
Por
último, no treito onde cofluen o L.I.C "Costa Ártabra"
e o Humidal das Cabazas, pediuse a instalación de pasos e
sinalización vertical específicos para anfibios (ras,
sapos, pintafontes, píntegas, etc.), debido á
existencia de brañas nesta zona, dado que nalgunhas ocasións
prodúcese un importante número de atropelos cando
queren cruzar a estrada neste treito. Nos paises do Norde da Europa é
unha medida habitual nas estradas. De feito, nestre tramo tense
instalado sinalización vertical alertando da presenza destas
especies que pouco despois desapareceu.
Estas e
outras medidas non so foron esixidas á Deputación
Provincial, promotora do proxecto, tamén se puxeron en
coñecimento do Concello de Ferrol, da Consellería de
Medio Ambiente e da Demarcación de Costas en Galicia
(promotora do aparcadoiro e do paseo slurry, entre outras
actuacións).
|