|
O vertedoiro ilegal das Nogais, preto do cumio do monte Lago Seco, lindante co Lugar de Interese Comunitario (LIC) Os Ancares-Courel e futuro parque natural, segue aberto e recibindo o lixo deste concello a pesares das reiteradas denuncias perante o Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil, á Consellería de Medio Ambiente e a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Este vertedoiro incumpre toda a lexislación
en materia de xestión de residuos, a Directiva 1999/31 /CE, do
Consello, de 26 de abril, relativa ó vertido de residuos, a
Lei 10/1998, de 21 de abril, de Residuos e o Real Decreto 1481/2001
polo que se regula a eliminación de residuos mediante
vertedoiro. O vertedoiro carece dun sistema de canalización e
depuración de lixiviados, non hai impermeabilización do
chan nin medidas contra as filtracións de líquidos
contaminantes, non conta con peche de seguridade que impida o acceso
ao recinto, mestúranse residuos de todo tipo incluídos
perigosos como pilas, aerosois ou neumáticos, non gardan unha
distancia mínima de seguridade coas masas forestais que os
rodean e mesmo arde de xeito regular.
A existencia deste tipo de recintos sen control
supoñen unha grave ameaza ambiental para a súa contorna
pola súa capacidade contaminante en acuíferos, solos,
arrastres pola chuvia, emisións de gases e tamén para a
seguridade das persoas ao non estaren dotados de medidas de
restrición de acceso. Cómpre salientar que na contorna
deste vertedoiro existen poboacións de diferentes especies de
animais vencelladas ós ecosistemas acuáticos que poden
sufrir as consecuencias da contaminación dos cursos de auga da
zona do vertedoiro e que están incluídas en diferentes
anexos da Directiva Comunitaria 92/43/CEE, Directiva Hábitats,
como é o caso da lesma Geomalacus maculosus o cangrexo
de río (Autropotamobius pallipes). a boga (Chondrostoma
duriense), a saramaganta (Chioglossa lusitanica), os sapos
Discoglossus galganoi e D. Jeanneae, a rá
patilonga (Rana iberica), o rato de almizcre (Galemys
pyrenaicus), ou a lontra (Lutra lutra).
A existencia deste tipo de instalacións
ilegais son unha proba máis de desleixo no exercicio dos
labores de inspección e control por parte da Consellería
de Medio Ambiente e a irresponsabilidade coa que se enfronta, dende
determinados concellos, o problema dos residuos.
Non é comprensíbel que, tendo sido
denunciadas por parte de Verdegaia estas irregularidades en setembro
de 2006, a administración non teña intervido para o seu
peche, mentres se seguen acumulando toneladas de lixo sen ningún
tipo de control, polo que este colectivo esixe a intervención
inmediata do Fiscalía de Medio Ambiente do TSXG, onde consta
xa a denuncia, para que proceda ao seu peche e depure as
responsabilidades pertinentes
|