|
Verdegaia asinou unha declaración
internacional contra a Captura e Almacenamento de Carbono (CAC) e a favor das renovables e da eficiencia enerxética. A proposta de Greenpeace, máis
de 100 organizacións sociais apoiaron esta declaración, entre as que
tamén se atopan a Federación Ecoloxista Galega (FEG) e Ecologistas en Acción. A
CAC chegaría tarde para evitar unha mudanza climática catastrófica e resulta
unha excusa para construír novas centrais térmicas de carbón, o combustible
fósil máis contaminante.
Esta hipotética
tecnoloxía pretende capturar o dióxido de carbono (CO2) procedente
das chemineas das centrais térmicas e almacenalo en depósitos subterráneos. O
seu desenvolvemento futuro está promovido polo sector do carbón.
A Captura e Almacenamento de Carbono (CAC) presenta
importantes inconvenientes, segundo se pon de manifesto no informe de
Greenpeace "Falsas Esperanzas: por qué a Captura e Almacenamento de Carbono non
salvará o clima", baseado en estudos científicos independentes revisados
externamente por especialistas:
-A tecnoloxía da CAC non ofrece unha solución que evite a
tempo unha mudanza climática perigosa. Non se prevé que a tecnoloxía da CAC
estea dispoñible antes de 2030, como moi cedo. Para evitarmos os peores
impactos das alteracións climáticas, as emisións globais de gases de efecto
invernadoiro teñen que comezar a reducirse en 2015, é dicir, dentro de tan só
sete anos.
-A tecnoloxía da CAC desperdicia enerxía. Esta
tecnoloxía utiliza entre o 10% e o 40% da enerxía producida por unha central
térmica. Prevese que a súa adopción a grande escala acabe coas vantaxes en
eficiencia conseguidas nos últimos 50 anos e aumente nun terzo o consumo de
recursos.
-O almacenamento
subterráneo de carbono é arriscado. Non é posible garantir o almacenamento
seguro e permanente de CO2. Mesmo uns niveis de fugas moi
baixos poderían minar calquera esforzo para mitigarmos a mudanza climática.
-A tecnoloxía da CAC é cara. Podería dar lugar a que os
custos das centrais se duplicasen e a que o prezo da electricidade se
incrementase entre un 21% e un 91%. O diñeiro investido en CAC afastará os
investimentos das solucións sustentables para a mudanza climática.
-A tecnoloxía da CAC conleva riscos significativos en
materia de responsabilidade civil. Representa unha ameaza para a saúde, os
ecosistemas e o clima. Non fica clara a magnitude nin o alcance da
responsabilidade, nin quén se faría responsable dos danos.
Unha "solución" para a Comisión europea e para o Goberno
español
A Comisión europea vén de facer público un borrador de Directiva sobre o
almacenamento xeolóxico de dióxido de carbono, mentres que a nivel estatal o
Goberno incluiu o apoio á CAC como unha das medidas da Estratexia Española de
Cambio Climático e Enerxía Limpa (2007-2020). O 4 de Marzo deste ano o
Ministerio de Industria publicou no B.O.E. a "proposta de reserva provisional a
favor do Estado de estruturas subterráneas susceptibles de ser un efectivo
almacenamento de dióxido de carbono", ningunha das cais se sitúa en Galicia.
Máis información:
Declaracion internacional fronte á captura e almacenamento de carbono
|