|
Verdegaia quere manifestar o seu rexeitamento ás obras de construción dun paseo fluvial nas marxes do Rio Sor, denominado “Rota de Sendeirismo Riveira do Vispo – Ambosores”, promovido polo Concello de Mañón e co beneplácito da Xunta de Galicia. Tras visitar a zona afectada, constatamos a apertura dun camiño con maquinaria na beira do rio, de 800 m de lonxitude, efectuándose diversos desmontes e esplanacións do terreo a través do bosque de ribeira, talándose algunhas árbores e afectando incluso ao patrimonio etnográfico da zona.
Aínda
que o obxectivo do proxecto é a construción dunha senda
peonil que continúe a que xa existe no tramo inferior do río
(treito Ponte Segade - Riveira do Vispo), en realidade estase a
facer un vial que non se corresponde co que debería ser unha
senda para camiñantes. Na nosa opinión, deberíase
respectar o carreiro de pescadores xa existente, facendo os desbroces
necesarios para o seu mantemento, en vez de construir un novo camiño
de varios metros de ancho que, ademais de degradar a vegetación
ripícola, facilitará o acceso de vehículos
motorizados como quads,
motos de cross,
etc., tal e como xa está acontecendo co tramo citado
anteriormente.
Ademais,
o proxecto non conta co preceptivo Estudo de Impacto Ambiental,
trámite que, dacordo co Regulamento de Augas, non se pode
obviar cando o impacto é evidente. De feito, as obras están
afectando a un hábitat natural de interese prioritario,
dacordo coa Directiva 92/43/CEE, como é a fraga de ribeira. O
Río Sor e as suas fragas están propostos pola Xunta de
Galicia para ampliar a Rede Natura, razón de máis para
que non se leve a cabo o paseo fluvial.
Dado que o proxecto non conta co preceptivo Estudo de Impacto
Ambiental, descoñécese que outros impactos negativos
pode ter a construción do paseo fluvial sobre outros hábitats
e outras comunidades vexetais de interese afíns ao ecosistema
fluvial. De feito, a apertura do camiño pode supoñer
unha via de entrada para especies vexetais exóticas invasoras
como acacias e eucaliptos, que alterarían o ecosistema, tal e
como está a suceder noutros treitos do río onde se
abriron pistas forestais.
Tendo
en conta a relevancia ecolóxica e paisaxística do Río
Sor e as súas fragas, desde Verdegaia esiximos á Xunta
de Galicia e ao Concello de Mañón a paralización
inmediata das obras e a revisión en profundidade do proxecto.
|