|
Nas últimas semanas vimos asistindo a diversas de declaracións do Alcalde Bugallo e do novo concelleiro de Tráfico Carlos Nieves definindo á bicicleta como "estratéxica" no futuro da mobilidade en Compostela, anunciando un servizo de préstamo de bicis ou animando aos alumnos dos institutos a empregar a bicicleta. Verdegaia acolle con satisfacción esta suposta nova liña de traballo do Concello mais entende que adoece dunha planificación axeitada e participativa, o que ofrece moitas dúbidas sobre o seu alcance.
O
primeiro paso nunha aposta decidida pola implantación da bicicleta nunha
cidade como Santiago é un estudo rigoroso da situación da mobilidade na
actualidade, tanto na cidade como nas súas relacións cos municipios
limítrofes.
Con estes datos, que deberían ofrecer unha
fotografía real da situación, cómpre elaborar un Plano Director de
Bicicletas que artelle as medidas precisas para a súa implantación,
definindo actuacións, prazos e orzamentos e recollendo os puntos de vista
dos usuarios e usuarias da vía pública
A implantación dunha política
de promoción da bicicleta debe adoptar unha visión transversal que prevea as
necesidades e as posibilidades da bicicleta no deseño ou remodelación
de rúas, na normativa de construción de edificios e garaxes, cambios nas
normativas municipais que favorezan o seu emprego, deseño de itinerarios
seguros que non teñen que ser necesariamente carrís-bici, realización de
campañas divulgativas, actividades de rúa e medidas que faciliten a
convivencia dos distintos medios de transporte e, un aspecto fundamental, a
implicación cidadá na súa definición e implementación.
Compostela é
unha cidade que polo seu tamaño permite unha implantación relativamente
doada da bicicleta aínda que nunca o goberno municipal se preocupou por ela.
Polo contrario, temos unha normativa municipal moi restritiva para o seu
uso, prohibíndose en toda a parte histórica e en parques e xardíns da
cidade.
A ausencia desta planificación rigorosa a medio-longo prazo fai dubidar da continuidade das intencións manifestadas polo Consistorio e facilita a adopción de medidas inconexas, inúteis e pouco meditadas. Hai
exemplos como o carril-bici da rúa Berlín, 800 metros de ningunha parte a
ningunha parte, as oportunidades perdidas para facilitar o uso da bicicleta
en rúas novas como a rúa Barcelona ou remodeladas como a conexión San
Lourenzo- Vidán e anuncios que quedan en nada como os 15 km de cinto verde
que ían iniciar a súa construción no ano 2001 que cómpre lembrar ao Concello
para non caer de novo nos mesmos erros.
|