|
Con motivo da celebración da Semana Internacional sen Televisión do 21 ao 27 de abril, Verdegaia e Ecologistas en Acción queren denunciar o papel que este aparello xoga na ocultación da crise ambiental e na destrución das relacións sociais. Esta semana pretende chamar a atención sobre o modelo de vida destrutor e insostible que a televisión publicita cada día a través de mensaxes directas de publicidade de todo tipo de produtos, incitando a un consumo sen cuestionamentos, normalizando este modelo entre a sociedade. A súa incidencia é moi importante se temos en conta que a meirande parte dos estudos coinciden en que as persoas adican un tempo equivalente a 11 anos completos da súa vida a ver a televisión.
Verdegaia e Ecologistas
en Acción lembran que detrás da aparente función
de entretemento ou información, atópase outro obxectivo
máis importante: incitar ó consumo masivo dos produtos
e servizos que venden as compañías que se anuncian ou
son directamente as propietarias das cadeas de televisión.
Neste
momento de crise socio-ambiental, ocasionada pola superación
dos límites físicos do planeta no referente á
extracción de materiais e á xeración de residuos, a
televisión obvia a necesaria redución da presión
humana sobre os recursos naturais e convértese na emisora
principal da falacia imposible de continuar medrando co modelo
actual, aínda que sexa á custa da miseria de moitas persoas no
presente e das posibilidades de pervivenza no futuro.
A televisión
aproveita a dificultade que ten o cerebro para distinguir entre a
realidade e as imaxes virtuais. Desta forma, reduce e degrada as
interaccións das persoas entre si e co territorio ao
substituílas pola contemplación dun espazo virtual
seleccionado intencionadamente para servir á comercialización
a grande escala. A TV dificulta o uso do pensamento complexo
(abstracción, imaxinación, reflexión) e polo
tanto diminúe a posibilidade de entender criticamente (con
capacidade da analizar causas e consecuencias) moitas das súas
propostas, en especial as de natureza comercial.
Esta
escapada virtual, é dicir, a
substitución da ollada á realidade pola ollada ás
pantallas,
está facendo que moitas persoas cheguen a desentenderse da
destrución que sofren os territorios e os sistemas vivos. As
persoas péchanse nas súas casas e pasan moitas horas
diante da televisión, en detrimento da relación coas
persoas "reais" máis próximas: veciños e
veciñas, compañeiros e compañeiras ou
familiares. As persoas reais substitúense por personaxes
virtuais (esta pode ser unha das razóns do éxito das
teleseries e dos personaxes da prensa rosa), dificultándose
con isto a articulación de relacións sociais,
imprescindibles para a sobrevivencia e o coidado do territorio.
Como
tecnoloxía
de implantación de imaxes no cerebro, a TV permite "falar"
directamente ó interior da mente de millóns de persoas
e depositar nela, imaxes capaces de lograr que a xente faga o que
doutro xeito sequera pensarían facer. Publicítase
en boa medida todo o que non se precisa.
A
televisión mostra e fai apetecible e inofensivo un modo de
produción e consumo obsceno que deteriora irremisiblemente o
planeta do que dependemos. Destrúe
a enorme diversidade de producións locais
(que carecen de poder para influír na televisión), en
xeral menos agresivas para o medio ambiente, e substitúeas
por unha produción masiva e homoxénea controlada por un
número moi reducido de grandes compañías.
A
televisión, ao illar ás persoas, que deixan de
comunicarse, e desconectalas do territorio, convértese con
frecuencia nun referente superior á mesma realidade. O
que non sae na televisión non existe.
É
necesario denunciar o papel que a TV cumpre na degradación das
relacións humanas e da natureza. O mellor xeito de minimizar
os seus efectos é apagala directamente.
Analizando
esta problemática tan normalizada na sociedade actual,
Verdegaia
organizará durante o mes de maio dúas actividades
directamente relacionadas coa publicidade, co obxectivo de crear
conciencia crítica e capacidade de análise dos anuncios
que nos rodean diariamente, vaiamos onde vaiamos.
|