|
A denuncia penal foi presentada polo Foro Social de Cangas o pasado día 24 de marzo contra diversos responsables das actuacións tendentes a concretar unha das máis evidentes operacións especulativas que se poden ollar hoxe en Galicia, a urbanización do Salgueirón en Cangas. Esta denuncia xa foi informada polo Xulgado nº 6 de Vigo, admitindo a posible existencia de infraccións penais das comprendidas no artigo 757 da Lei de Enxuizamento Criminal.
O texto da denuncia fai repaso
detallado do proceso que sofreu dende o ano 1993 a concesión
de terreos de dominio público portuario onde se ubicaba a
antiga conserveira Massó Hermanos SA, considerada como a
conserveira máis grande de Europa.
Esta concesión foi
adxudicada irregularmente no proceso de quebra da conserveira,
inscribíndose unha finca de dominio público no Rexistro
de Propiedade como se fose propiedade particular, e, sobre os mesmos
terreos que ocupaba, se promoveu un concurso para a adxudicación
dunha nova concesión para porto deportivo, sen facer caducar
nin rescatar a concesión vixente, e ocupando ademais unha
concesión da Confraría de pescadores de Cangas.
O concurso foi adxudicado a unha
empresa, Frigoríficos del Morrazo, que iniciou a tramitación
ambiental para a construción do citado porto deportivo e
asinou un convenio urbanístico co entón alcalde de
Cangas, Enrique Sotelo, do PP, para a recualificación de
industrial en residencial dos terreos da conserveira en terra.
Paralelamente, a Autoridade
Portuaria de Vigo, transmitiu a titularidade da concesión de
fábrica de conservas e a de porto deportivo (que son
coincidentes no terreo) á empresa Residencial Marina
Atlántica, empresa que en ese momento tiña tamén
asinada unha opción de compra sobre os terreos en terra da
conserveira.
Estas manobras, realizadas contra a
legalidade vixente, probablemente tiñan por obxecto acelerar a
tramitación dunha recualificación dificilmente
xustificable pero tremendamente beneficiosa economicamente.
Ao botarse abaixo, debido a presión
popular, o Plan Xeral promovido por Sotelo, que incluía o
convenio urbanístico en cuestión; a concesión do
porto deportivo, dependente da Autoridade Portuaria de Vigo,
converteuse na arma esgrimida para forzar a pretendida
recualificación. Soamente a intervención veciñal
conseguiu paralizar unha obra que, nin preguntas parlamentarias nin
contenciosos administrativos nin peticións de paralización
cautelar conseguían facelo.
A día de hoxe, outra
empresa, Puentes y Calzadas, tomou as rendas de Residencial Marina
Atlántica, aínda que sempre cun capital maioritario de
Caixanova, e continúa o mesmo xogo: intentar facer valer unha
concesión claramente ilegal, pero que depende dunha
administración opaca como a da Autoridade Portuaria de Vigo,
escudarse na lentitude da xustiza, e , atraendo aos políticos
locais (a alcaldesa actual é do BNG e participou nas
mobilizacións contra o porto e asinou un acordo de coberno
opoñendose a él) con promesas de cesións, obter
a lucrativa recualificación.
Hai irregularidades de outro tipo
presentes en outras denuncias en curso (lento), e dous contenciosos
presentados pola confraría de Cangas, pero pensamos que esta
presenta un repaso o máis claro posible das escuras
maquinacións levadas a cabo e debeas mostrar de xeito
detallado como esixencia da cidadanía do cumprimento non
parcial das leis que a todos/as nos suxeitan.
|