|
As organizacións SLG (Sindicato Labrego Galego), VSF (Veterinarios Sen Fronteiras), Verdegaia e Amarante apresentaron hoxe en conferencia de prensa a alianza que veñen de forxar seguindo o mandado do Foro Mundial para a Soberanía Alimentar (Foro de Nyéléni 2007). A Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos nasce co obxecto de “dar a coñecer, construír e defender a Soberanía Alimentar dos pobos, en e desde Galiza”.
O
termo Soberanía Alimentar foi apresentado polo movimento
labrego internacional Vía Campesina en 1996, coincidindo coa
Cimeira Mundial sobre a Alimentación. En Febreiro de 2007, en
Selingué, Mali, celebrouse o Foro de Nyéléni
para a Soberanía Alimentar. Máis de 500 persoas de máis
de 80 países, labreg@s, pescadoræs, indíxenas,
sen terra, migrantes, ecoloxistas, feministas, consumidoræs...
reuníronse para afortalar o movimento global pola Soberanía
Alimentar, definida como "o direito dos pobos a alimentos
nutritivos e culturalmente apropiados, acesíbeis, producidos
de forma sustentábel e ecolóxica, e o seu direito a
decidir o seu propio sistema alimentar e produtivo".
Seguindo
o mandado do Foro de Nyéléni, SLG, VSF, Verdegaia e
Amarante veñen de forxar unha alianza coa que pretenden
contribuír a "dar a coñecer, construír e
defender a Soberanía Alimentar dos pobos en e desde Galiza,
cos pés na terra e cunha ollada global, colaborando con
iniciativas similares existentes noutros países, sen descartar
a integración en alianzas ou plataformas supranacionais",
segundo recolle o manifesto, que se pode ler en
www.soberaniaalimentar.info.
As
organizacións integrantes da Iniciativa denuncian o feito de
que centos de millóns de persoas, mulleres na súa
maioría, padecen fame e desnutrición no mundo, aínda
vivindo na súa maioría en contornos rurais. O
industrialismo en xeral, e o sistema industrial de
producción/estracción e comercialización de
alimentos en particular -insustentábel, oligárquico e
enfocado á exportación-, impede a labregos e labregas
aceder aos recursos necesarios para producir os alimentos básicos,
do mesmo modo que reduce á mínima expresión a
nosa capacidade para decidir os alimentos que consumimos.
"Galiza,
como parte da minoría global privilexiada que é, non
padece problemas de abastecimento de alimentos para a súa
poboación, pero non por iso goza de Soberanía
Alimentar. A nosa capacidade para decidir os alimentos que producimos
e consumimos é cada vez menor, porque o noso rural esmorece;
porque estamos a desertizar a nosa terra, ríos e mar; e porque
dependemos do sistema industrial. Ao mesmo tempo, somos fonte de
erosión da Soberanía Alimentar doutros pobos"
di o manifesto da Iniciativa, para continuar afirmando que "Avanzando
na nosa Soberanía Alimentar construiremos unha Galiza cun
rural vivo, máis ecoloxicamente sustentábel e
socialmente xusta, cunha menor pegada e débeda ecolóxica.
A construción e garantía da Soberanía Alimentar
do pobo galego, ademais, debe ser compatíbel coa dos demais
pobos do mundo".
A
Iniciativa defende o direito a decidirmos qué alimentos
producir e consumir, o direito das xentes que traballan a terra e o
mar a producir os alimentos básicos, amósase convencida
de que podemos vivir sen devorar o planeta e o futuro, e asegura que
acabar coa fame e a desnutrición é posíbel,
superando o industrialismo. A Soberanía Alimentar prioriza a
produción sustentábel de alimentos para consumo
familiar, local, rexional ou nacional frente á produción
industrial para a exportación.
|