|
Ecologistas en Acción considera que as Comunidades Autónomas
quixeron facer tan fácil e asequible o Exame do Cazador, que este converteuse
nun mero trámite fraudulento. En particular, acha que a regulación deste exame
en Galicia é un engano. A falta de formación dos cazadores, alén de xerar
importantes impactos ambientais e sociais, favorece resultados dramáticos, xa
que 2007 acabou con 20 persoas mortas en España por disparos.
As probas de acreditación de aptitude e coñecementos -ou exame do
cazador- son un mero trámite naquelas Comunidades Autónomas onde se regulou, xa
que carecen de probas prácticas, ou só se obriga a realizalo aos cazadores
noveis e non a todos os cazadores, independentemente do tempo que leven
exercitando. Por iso, a diferenza doutros estados próximos como Francia ou
Alemaña estes exames non serviron para mellorar a formación e os coñecementos
dos cazadores españois. O resultado é unha situación de inseguridade para todos
os usuarios do monte así como das especies de fauna silvestre máis ameazadas.
Recentemente, a Xunta de Galicia aprobou unha Orde que será
aplicable este ano, pola que só se obriga aos noveis e aos cazadores que non
teñan renovado a súa licenza nos últimos dous anos, a estaren presentes nun
curso que lles garanta un certificado de aproveitamento. Algo que, segundo
Ecologistas en Acción, é unha
pantomima, un engano, e sobre todo, tratándose de persoas con armas de fogo no
medio natural, unha gravísima irresponsabilidade por parte da Consellería de
Medio Ambiente da Xunta de Galicia. Perante as críticas dun sector que se
considera acurralado, o Subdirector de Caza e Pesca réstalle credibilidade, seriedade e importancia ao exame que
deben de sortear os noveis: "Non serán preguntas complicadas, aprobarase
acertando a metade das preguntas e os erros non restan".
Ningunha das comunidades españolas que regularon un proceso de
acreditación de aptitude e coñecementos esixen probas prácticas aos aspirantes.
Isto non ocorre nos países do noso contorno. Os mesmos cazadores españois
recoñecen que as probas ás que son sometidas as persoas que desexan saír ao
campo cunha escopeta ou rifle noutros estados son moito máis duras e completas.
En Alemaña, o curso dura tres anos e consta dunha proba práctica de manexo de
armas. Popularmente coñécese como o "bacharelato verde".
Máis información:
Web da Área de conservación da natureza de Ecologistas en Acción
|