|
Santiago de Compostela conta dentro da súa trama urbana cunha illa de biodiversidade, salvada durante o proceso de urbanización do barrio de Fontiñas. Verdegaia organiza un roteiro polo Campo de Cotaredo para o vindeiro Domingo día 30 de Marzo, ás 11 horas con saída desde o centro sociocultural de Fontiñas, para coñecer a zona ante o inminente peche, e denunciar a destrución deste paraxe na cidade.
O
chamado descampado de Fontiñas é un espazo de máis
de 44.000 m2
situado entre a rúa Berlín e a avenida de Lugo, a rúa
Fonte dos Concheiros e a rúa de Fontiñas. Lonxe do que
o seu nome ("descampado") puidese indicar, esta área conta
con valores patrimoniais (alberga unha aldea, Cotaredo, alén
de varias casas, fornos e hórreos) e naturais (cunha mestura
de diferentes hábitats: bosque de ribeira, hortas abandonadas
hai poucos anos, prados e leiras organizadas en socalcos,...).
A
existencia desta xoia patrimonial e natural no interior da cidade foi
posíbel grazas a que os trámites para a compra dos
terreos (previa á edificación) demorou 7 anos, mais
para esta primavera está previsto o inicio da súa
urbanización.
O
valor excepcional desta área foi recoñecido mesmo polo
mundo da cultura, e arestora este "descampado" está a ser
obxecto dun proxecto artístico (organizado polo CGAC en
colaboración coa Concellaría de Urbanismo de
Compostela) que convida a visitala, denantes de ser destruída.
Dende
Verdegaia, denunciamos a destrución innecesaria dun espazo
verde, salvaxe e natural. Innecesaria porque nun concello con 8.000
vivendas baleiras (datos do INE) a prioridade (desde un punto de
vista ambiental e social) sería poñer en uso esas
vivendas e protexer os anacos de biodiversidade que aínda
perviven na cidade. É lamentábel que a mesma
Concellaría que cofinancia un proxecto artístico
ensalzando os valores naturais deste espazo promova ao mesmo tempo a
súa desaparición.
Por
outra banda, este concello, que presume de ser un dos que presenta
maior número de zonas verdes por habitante, amosa un modelo de
zona verde totalmente artificial e estéril, que perpetúa
o ecosistema a vivir permanentemente en fase xuvenil, empregando para
iso cantidades inxentes de herbicidas e fertilizantes químicos,
moi daniños para o medio ambiente.
No
concello de Compostela, onde se expropian hortas para facer parques,
nos que logo se fan hortas, a conservación das terras de
cultivo dos campos de Cotaredo debería ser unha prioridade.
Ademais, pedimos reflexión por parte da Concellería de
Urbanismo sobre a necesidade de construción no descampado de
Fontiñas e animamos á cidadanía a manifestar o
seu desacordo con este proxecto que nos privará, xa para
sempre, de disfrutar deste espazo natural dentro da cidade.
|