|
Distintas infraestructuras, instalacións e urbanizacións
ameazan de xeito moi grave a integridade deste espazo natural esquecido, carente dunha
figura de proteción especial de ámbito galego; pois só
está "protexido" polo Plano Xeral de Ordeamento
Municipal de Miño.
Por unha parte, a construción do
viaducto da autoestrada AP-9 sobre a marisma de Baixoi ocasionou un
forte impacto ambiental sobre este ecosistema, ao efectuárense
recheos e diques para permitir a construción dos peares de
formigón do viaducto. Como consecuencia destas obras,
alterouse o leito da marisma e destruíuse unha parte da
vexetación palustre. Desde entón, o viaducto está
a ocasionar un forte impacto paisaxístico na contorna, ademáis
de ser unha fonte constante de ruído polo tránsito
permanente de vehículos; perturbando non só ás
especies que frecuentan o humidal senón tamén ás
persoas que habitan nas proximidades.
Por outra banda, a
construción da macrourbanización "Costa Anácara",
agora denominada "Costa Miño", ademáis de
resultar unha das maiores aberracións urbanísticas
perpetratadas con total impunidade no noso País, provocou o
verquido de grandes cantidades de lama á Praia Grande e á
marisma de Baixoi a través do Río Xario; a consecuencia
dos desmontes de terra efectuados para a construción das
edificacións e do campo de golf proxectados. Estes
lodos afectaron aos bancos marisqueiros existentes na zona mermando a
produtividade dos mesmos.
Agora, outra urbanización
ameaza a marisma de Baixoi e a súa contorna. Trátase da
urbanización do sector de solo urbanizable R-3 no Monte
Piñeiro. Dacordo co Estudo de Impacto Ambiental deste proxecto
urbanístico, ao que alegou Verdegaia, prevese a posíbel
chegada de augas de escorrentía con materiais sólidos e
contaminantes durante a fase de construción advertíndose
que "Las repercusiones alcanzarían a los procesos de
sedimentación de la marisma, a su vegetación y sobre
todo a su fauna". Tamén se prevé que o
funcionamento do sistema de drenaxe artificial de pluviais implique
un cambio no gradiente de salinidade da marisma, cuxos efectos
presentarían un alcance indeterminado, afectando a todas as
variábeis bióticas desta unidade. Tamén se prevé
que a vexetación e a fauna se vexan afectados polo aumento de
sólidos en suspensión e polo aumento dos niveis de
ruído. Ademáis, preténdese urbanizar
innecesariamente un dos escasos espazos verdes que quedan no
municipio, susceptíbel de ser aproveitado como o grande
"pulmón" verde da Vila de Miño, ao tratarse
dun lugar elevado e totalmente agreste encostado á vila.
Obxectivamente, a urbanización que se pretende no Monte
Piñeiro non é máis que outra operación
inmobiliaria para obter un beneficio económico que, lonxe de
mellorar a calidade de vida da poboación, implicaría un
consumo innecesario de recursos, un incremento do ruído e da
contaminación, etc.
Debido a que a Estación
Depuradora de Augas Residuais (EDAR) en Ponte Baixoi construiuse
na cabeceira da marisma, esta depuradora tamén representa unha
ameaza para a conservación da biodiversidade presente no
devandito humidal, dado que os efluentes previamente "tratados"
na devandita instalación verteríanse á marisma a
través do Río Baixoi. Débese ter en conta que á
capacidade prevista inicialmente para 5.000 habitantes (parroquias de
Perbes, Vilanova, Castro e Leiro) vánselle engadir as augas
residuais procedentes da urbanización "Costa Miño",
do polígono industrial de Vidrieiro e da urbanización
prevista no Monte Piñeiro. Dubidamos que a E.D.A.R. en Ponte
Baixoi teña suficiente capacidade para tratar axeitadamente
dita carga contaminante. No caso de avaría ou de calquera
situación anómala, habería que liberar os
efluentes sen tratamento previo ao Rio Baixoi, contaminando tanto
este cauce fluvial como a marisma e afectando incluso á
calidade das augas de baño da Praia Grande. En opinión
de Verdegaia, a depuradora debería construírse noutra
zona da Ría de Ares-Betanzos onde as correntes desta e a
existencia dun maior caudal podan asimilar con maior facilidade os
efluentes tratados axudándose, se fose necesario, dun emisario
submariño. Ademáis, trala consulta do expediente,
puidemos comprobar que o proxecto da E.D.A.R. en Ponte Baixoi non se
someteu a información pública nen tampouco ao trámite
de avaliación ambiental, entre outras eivas, polo que a
depuradora pódese considerar ilegal. Estes feitos xa foron
denunciados por Verdegaia ante as consellerías de Medio
Ambiente e de Política Territorial, así como ante a
Demarcación de Costas en Galicia.
Ademáis, o Concello de Miño
pretende construír tres novos edificios de hostalería
no sistema dunar da Praia Grande, o que agravaría o seu
deterioro ao verse incrementada a presión humana sobre dito
ecosistema. Non vemos xustificación algunha para que se
constrúan novos "chiringuitos" no Dominio Público
Marítimo-Terrestre, dado que xa existen varias instalacións
de hostalería nas proximidades da praia que satisfacen a
demanda deste tipo de establecementos. Verdegaia ven de solicitar á
Demarcación de Costas a paralización inmediata da
tramitación dos devenditos edificios de hostalería
demandando, ao mesmo tempo, a elaboración dun proxecto de
recuperación integral do sistema dunar e da marisma de Miño,
no que se contemple a supresión dos recheos, instalacións
e infraestructuras que están a deteriorar este espazo natural.
Por último, pese a que a Praia
Grande, a Marisma e o Río de Baixoi posúen hábitats
naturais e especies de interese comunitario, dacordo coa Directiva
92/43/CEE, descoñecemos os motivos polos que este conxunto de
ecosistemas, íntimamente relacionados entre sí, non
foron declarados no seu día como Lugar de Importancia
Comunitaria (LIC) e/ou como Zona de Especial Proteción para
as Aves (ZEPA). Intuimos que para non entorpecer as falcatruadas
inmobiliarias que se veñen levando a cabo nesta zona con total
impunidade. En calquera caso, Verdegaia vai solicitar formalmente á
Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible a
incorporación deste espazo natural no LIC Betanzos-Mandeo,
dada a súa proximidade, aproveitando que a Xunta de Galicia
está a efectuar a ampliación dos espazos que integran a
Rede Natura 2000.
|