A xestión da auga en Galiza é moi deficiente e precisa acometer unha mudanza radical na xestión dos recursos hídricos que permita mellorar a calidade ecolóxica das augas litorais e continentais mediante a diminución do consumo e unha axeitada depuración. Unha peza fundamental nesta mudanza é a adopción de medidas que impliquen a toda a cidadanía fomentando a co-responsabilidade na procura dunha Nova Cultura da Auga.
En
Galicia tamén é preciso aforrar auga, pois iso
significa mellorar o estado de conservación dos ecosistemas
acuáticos, reducir a contaminación, evitar a
construción de máis encoros de abastecemento ou
diminuír o gasto enerxético. Ademais, o cambio
climático, se non se recortan as emisións de gases de
efecto invernadoiro, aumentaría a incidencia das secas en
Galicia. Non nos podemos permitir, por exemplo, que as perdas de auga
nas redes de distribución de abastecemento público
aumentasen entre 1996 e 2003, até suporen perto do 20% de toda
a auga distribuída. Ou
que o 90% dos cursos fluviais padezan contaminación permanente
ou frecuente.
Os espazos
urbanos difusos que definen hoxe en día a configuración
das nosas cidades agravan expoñencialmente o problema
obrigando a estender a rede de sumidoiros e a capacidade de bombeo
sobardando amplamente a capacidade de depuración, no caso de
contar con Estacións de Depuración de Augas Residuais
(EDAR). A
Directiva 91/271/CEE de tratamento de augas residuais considera
necesario un tratamento secundario das augas residuais urbanas para
evitar que a súa evacuación cun tratamento insuficiente
teña repercusións negativas no medio ambiente. O 40%
dos núcleos de poboación maiores de 2000 habitantes de
Galicia carece deste sistema secundario e hai núcleos sen
ningun sistema de depuración.
As distintas administracións
teñen unha grande parte da responsabilidade nesta situación
mais tamén unha grande capacidade de adoptar medidas que
signifiquen a aposta definitiva por unha Nova Cultura da Auga na que
a minimización do consumo e a depuración integral sexan
os referentes.
Entre outras medidas, Verdegaia
propón o establecemento de iniciativas fiscais e de
tarificación que fomenten un consumo racional da auga,
incentivando o aforro e penalizando o desbaldimento; a separación
en orixe das augas residuais industriais e as domésticas;
implantación de sistemas descentralizados de depuración
e fomento de sistemas de autoxestión de augas, que contemplen
tanto a depuración como a reutilización aplicando
técnicas de depuración doméstica e
aproveitamento de pluviais; aplicación inmediata de políticas
de aforro en todos os edificios e actividades municipais e o
desenvolvemento dun amplo programa de educación e
sensibilización cidadá para que os principios e os
preceptos da Nova Cultura da Auga sexan asumidos e interiorizados
pola nosa sociedade.
|