|
Verdegaia denuncia de
novo o abuso de aproveitamentos hidroeléctricos nas concas galegas xa
sobreexplotadas. Desta vez tocoulle ó río Edo, afluente do Sil que baña o
concello de Castro Caldelas, onde se autorizou un novo aproveitamento
hidroeléctrico dentro deste concello.
Basta mirar calquera mapa (animamos a todo o mundo a que faga o exercicio) para ver dunha soa ollada ó redor da zona, uns máis preto e outros máis lonxe: encoro de Leboreiro, encoro de Edrada, encoro de Guistolas, encoro de Montefurado, encoro de Chandrexa de Queixa, encoro de Cea, encoro de Mourela, encoro de San Miguel, encoro de San Martín, encoro de Cenza, encoro do Bao, encoro de Prada, encoro de Santa Eulalia, encoro de Santiago...
Alguén pode pensar que un
sitio como Castro Caldelas, completamente rodeado de explotacións
hidroeléctricas, precisa realmente unha nova explotación, sobre todo se temos
en conta a sobreexplotación do río Sil, que pasa por alí preto? Non será que,
en todo caso, non se utilizan adecuadamente os recursos? Non será, para variar,
que son minicentrais que soamente dan riqueza a unha persoa ou grupo de persoas
reducido? Pensemos que a empresa se chama “Productora Eléctrica del Castro S.L.”,
é dicir, claramente para explotar esa zona, aínda que ten domicilio na Coruña.
Hai detalles que soan
bastante estraños, como que isto comece sendo solicitude de Laura Souza de
Souza, Manuel Iglesias Souza e Laura Gabriela Iglesias Souza (parecen familia,
non?), pero en dous anos pasa a titularidade da solicitude a Productora
Eléctrica dle Castro S.L., que pasou a ter como representante a Fernando
Iglesias Roa.
É dicir, na opinión de
Verdegaia estamos outra vez ante unha concesión para que un grupo de persoas se
enriqueza a custa dos valores ambientais da zona.
Valla como exemplo o que
di o Concello de Castro Caldelas na súa páxina web:
“O
río Edo, afluente do Sil pola esquerda, baña a metade occidental do municipio
en sentido S-N e encáixase ó pé da vila caldelá, anticipando así, o seu
encontro co Sil e formando unha paisaxe espectacular”.
E o mellor de todo é que non soamente teñen
todo o que teñen arredor, non soamente teñen na súa páxina web que ten unha
paisaxe espectacular a zona, senón que xa existe unha minicentral no río Edo
que non cumpre nin os mínimos esixidos. Unha desfeita absolutamente inaceptable.
Pensamos que é suficientemente expresivo e
indicador do que se vai estragar na zona.
Verdegaia repite: NON MÁIS MINICENTRAIS NIN
ENCOROS!
|