|
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) construirá no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas, en Compostela, o primeiro invernadoiro de Galicia destinado á Biotecnoloxía Forestal, ou sexa, á investigación de árbores modificadas xeneticamente. Verdegaia ven de trasladarlle á Consellería de Medioambiente a esixencia de anular a decisión de construír en Santiago de Compostela o primeiro invernadoiro de Galicia dirixido ao traballo con plantas transxénicas; que a Xunta se comprometa a non destinar recursos públicos á investigación de árbores modificadas xeneticamente; e a elaboración dunha Lei que prohiba as árbores xeneticamente modificadas -incluíndo os ensaios de campo- en Galicia.
A instalación de este tipo de laboratorios supón unha grave ameaza na medida en que a manipulación xenética que se está a levar a cabo apunta a consolidar e expandir un modelo de monocultivos forestais que xa demostrou resultar en graves impactos sociais e ambientais en moitos países.
Doutra banda, o uso de árbores transxénicas agravaría
aínda máis os impactos xa constatados sobre a auga,
dado que unha das características que se desexa introducir é
a dun crecemento máis rápido, o que significaría
un uso maior de auga por parte das plantacións.
Ao mesmo tempo, estase a investigar para a introdución de
xenes que volvan ás árbores máis resistentes ao
frío, co obxectivo de poder plantalos en rexións máis
frías e máis altas. Iso implicaría impactos
sociais e ambientais en áreas aínda non afectadas polos
actuais monocultivos.
Tamén se están a desenvolver investigacións para
dotar as árbores de características insecticidas, co
obxectivo de facelos resistentes a determinados insectos como o
caruncho do brote (Ryacionia buoliana). O resultado podería
ser a mortaldade dunha cantidade doutras especies de insectos, cos
consecuentes impactos sobre as cadeas alimenticias da fauna local e
quizá ata sobre a polinización de especies da flora
nativa vinculada aos devanditos insectos.
Ademais investígase a introdución de xenes que aumenten
a tolerancia das árbores ao herbicida glifosato; iso
implicaría impactos sociais e ambientais aínda maiores,
destrución de flora local e afectaría a saúde da
xente.
A investigación para obter eucaliptos que conteñan
maior cantidade de celulosa para a produción de etanol e polo
tanto menor cantidade de lignina, compoñente que lle dá
forza estrutural ás árbores, faraos susceptibles de
sufrir e á súa vez causar serios danos durante as
tormentas de vento.2
Resulta importante sinalar que na última Conferencia das
Partes do Convenio sobre Diversidade Biolóxica (COP8)
adoptouse a decisión VIII/19 (Diversidade Biolóxica
Forestal: aplicación do programa de traballo), que "Recomenda
ás Partes adoptar enfoques de precaución ao tratar a
cuestión das árbores xeneticamente modificadas".
Ao
fundamentar tal decisión a COP8 sinalou: "Recoñecendo
as inexactitudes [incertezas] relacionadas cos impactos ambientais e
socioeconómicos potenciais, incluíndo os impactos a
longo prazo e os transfronteirizos, de árbores modificadas
xeneticamente sobre a diversidade biolóxica dos bosques a
nivel global, así como os medios de subsistencia das
comunidades indíxenas e locais"
Por todo isto, Verdegaia enviou unha carta esixíndolle á Consellería de Medio Ambiente:
-
A revogación da decisión de construír en
Santiago de Compostela o primeiro invernadoiro de Galicia dirixido
ao traballo con plantas transxénicas, e que a Xunta se
comprometa a non destinar recursos públicos á
investigación de árbores modificadas xeneticamente;
-
A elaboración dunha Lei que prohiba as árbores
xeneticamente modificadas -incluíndo os ensaios de campo- en
Galicia;
-
Que recomende á Convención sobre Diversidade Biolóxica
(CDB) e ao Ministerio de Medio Ambiente que prohiba definitivamente
as árbores xeneticamente modificadas -incluíndo os
ensaios de campo- debido aos graves riscos que iso implica para a
diversidade biolóxica do noso planeta.
------------------------------------------------
1GE
Trees, Cellulosic Ethanol & Destruction of Forest Biological
Diversity - By Global Justice Ecology Project and Global Forest
Coalition - February 2008
http://www.wrm.org.uy/actors/BDC/SBSTTA13/GE_Trees_Cellulosic_Ethanol.pdf
Powered by AkoComment! |