Inicio arrow Novas de Verdegaia-Vigo arrow Proxección de "O salario do silencio" en Vigo  
Home    Print    Bookmark
A Asociación
Quen somos?
O nome
Misión
Ideario
Principios de organización
Estrutura
Comisión Coordenadora
Estatutos
Contacto
Núcleos Comarcais
Verdegaia - Compostela
Verdegaia - Coruña
Verdegaia - Ferrol
Verdegaia - Ourense
Verdegaia - Vigo
Facemos parte de ...
FEG
Rede Galiza non se Vende
A Ría Non se Vende
Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos
Plataforma AntiTransxénicos
Coord Ferrocarril Público
ConBici
Colaboramos con
Amarante
Ecologistas en Acción
Proxección de "O salario do silencio" en Vigo PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 07 de Febreiro do 2008

Verdegaia-Vigo organizará a súa segunda proxección do documentario “O salario do silencio” o vindeiro venres día 8 ás 20:30 h. na Asociación Cultural Caleidoskopio (rúa Romil, nº3-baixo). Ao rematar o filme realizarase un coloquio onde intervirán os autores do mesmo, Mabel Rivera e Enrique Banet. 

O filme amosa como a cobiza e a falta de escrúpulos levaron a instalar a planta regasificadora de REGANOSA en Mugardos, no interior da ría de Ferrol, provocando un elevado impacto ambiental e ameazando a saúde e a seguridade da poboación que vive no contorno da ría.

"O salario do silencio" quere axudar a romper o silencio que sempre rodeou a esta instalación, á que se opón, na súa ubicación actual, grande parte das xentes da ría ferrolá desde o ano 2001. O documental contou coa colaboración das asociacións e colectivos veciñais, profesionais, ecoloxistas, xurídicos, culturais, corpos de seguridade, sanitarios, etc, etc, que integran o Comité Cidadán de Emerxencia para a ría de Ferrol. Pola contra, os responsables directos do proxecto, tanto os directivos da planta como certos cargos públicos, non quixeron colaborar.

A planta de REGANOSA, empresa participada por Endesa, Unión Fenosa, Grupo Tojeiro, Xunta de Galicia, Caixa Galicia, Sonatrach, Banco Pastor e CaixaNova, foi construída coa finalidade principal de garantir o abastecemento das centrais térmicas de ciclo combinado a gas natural de Arteixo (Unión Fenosa) e As Pontes (Endesa), que entrarán proximamente en funcionamento. Estas centrais térmicas non substituirán ás de carbón das Pontes (Endesa) e de Meirama (Unión Fenosa), pois éstas seguirán a funcionar, só con carbón de importación a partir de 2008. REGANOSA devolve o gas natural licuado que chega en barcos á súa planta ao estado gasoso, para o distribuír despois a través dun gasoduto.

Só a cobiza empresarial e un amplo apoio institucional, partidario e mediático, capaces até agora de burlar normas legais e de superar unha forte oposición cidadá, explican a instalación da única planta regasificadora de Galicia nun lugar tan perigoso, nun dos peores emprazamentos posibles. Nos anos 90, un estudo contratado pola empresa ENAGAS considerou como o mellor emprazamento o exterior da ría de Ferrol, onde se acabou construíndo un impactante porto exterior, logo de ser excluído o tramo de costa afectado da proposta da Rede Natura 2000.

No documental, Manuel Amorim, profesor da Universidade da Coruña, chama a atención sobre a irracionalidade que representa o feito de que vaia haber tantas plantas regasificadoras en España (por exemplo, haberá outra ben perto de Ferrol, en Xixón). A xuízo de Verdegaia, tamén é preciso cuestionar unhas políticas enerxéticas que fan pouco por promover o aforro e a eficiencia, apenas desincentivan a queima de carbón -que supón hoxe a metade da xeración eléctrica galega- e non apostan con forza por todas as enerxías renovables.

Namche Films

"O salario do silencio" é a primeira produción de Namche Films, unha nova produtora especializada en documentais sobre cuestións ambientais que xa está a preparar o seu segundo filme, que tratará do impacto das canteiras de lousa na serra do Courel. Enrique Banet foi o responsable da dirección, guión, cámara e edición, mentres que a actriz Mabel Rivera ocupouse da documentación, produción executiva e voz en off. Os dous participaron nun animado coloquio que tivo lugar logo da proxección organizada por Verdegaia.

Os beneficios obtidos coa venda do filme en DVD irán destinados á Confraría de Mariscadores da Ría de Ferrol.

 
Verdegaia - Vigo
Novas de Verdegaia-Vigo
Coordenadora Comarcal
Roteiros
Xuntanzas
Contacto
A Ría Non se Vende
   Home  Print  @ Contact Top