|
Verdegaia vén de apresentar alegacións ó P.R.U.X. (Plano Reitor de Uso e Xestión) do Parque Natural do Monte Aloia para ampliar a súa superficie, de tal xeito que este espazo protexido pase a incluir a totalidade da Serra do Galiñeiro. Esta serra é colindante co citado Parque Natural e alberga un grande número de valores naturais pero na actualidade non conta con ningunha figura de protección.
O futuro espazo natural protexido chamaríase "Parque Natural do Monte Aloia e Serra do Galiñeiro" e os motivos alegados para solicitar que a Serra do Galiñeiro pase a formar parte do Parque Natural do Monte Aloia son os seguintes:
A) Valores botánicos:
-
Presenza de especies orófilas nas cotas máis altas da Serra do Galiñeiro como Avenula sulcata e Saxifraga spathularis, salientando a presenza de Ranunculus nigrescens e Gagea nevadensis. A presenza desta última especie, polo seu interese fitoxeográfico, aparece recollida no último número da NACC da Universidade de Santiago.
-
Presenza de comunidades rupícolas con abundantes endemismos nos cumios da Serra do Galiñeiro, tais como Stipa gigantea, Linaria saxatilis, Thymus caespititius ou Silene uniflora.
-
Presenza na Serra de zonas de breixeiras húmidas sobre depósitos de turba nas que atopamos Genista berberidea, Erica ciliaris e Erica tetralix (hábitat de interese comunitario incluído na Directiva de Hábitats coa consideración de prioritario, código 4020).
-
Existencia na Serra do Galiñeiro de brañas e turbeiras con presenza de Arnica montana subesp. atlantica, Drosera intermedia, Drosera rotundifolia, Pinguicula lusitanica, Carex durieui, entre outras especies de interese. Este hábitat resulta asimesmo de interese comunitario coa calificación de prioritario, co código 7110.
-
Presenza na Serra do Galiñeiro de matogueira termófila con presenza de endemismos como Erica umbellata, Ulex micranthus, Ulex minor, Genista triacanthos,...
-
Elevada diversidade florística, constituíndo a Serra do Galiñeiro unha auténtica encrucillada fitoxeográfica onde conflúen elementos montanos e continentais con elementos termófilos e litorais, elementos atlánticos con elementos mediterráneos, endemismos, etc.
B) Valores faunísticos:
-
Importante poboación de Podarcis hispanica, lagartixa que se distribúe principalmente polas cotas máis altas e mediterraneizadas da serra.
-
Existencia dunha poboación importante de cabalo galego de monte, que cada ano é reunida no curro do Galiñeiro, en Vincios. Ao interese que a serra do Galiñeiro ten para a conservación desta raza autóctona, úneselle a presenza de gando vacún, ovino e caprino en réxime extensivo. Este réxime de pastoreo favorece a conservación das comunidades vexetais arbustivas, e actualmente a Serra do Galiñeiro é unha das últimas zonas do entorno (xunto á Serra da Groba) que aínda o manteñen.
C) Valores xeolóxicos:
D) Valores etnográficos e arqueolóxicos:
-
Riquísima tradición oral con lendas vinculadas a elementos do mundo físico e a vestixios arqueolóxicos, referidas aos mouros e os seus tesouros, ás mouras ou "señoras", á becha, ó brión ou á Vella.
Powered by AkoComment! |