|
As areeiras, explotacións mineiras de extracción de area, situadas nos concellos de Sandiás e Vilar de Santos (ambolosdous na comarca ourensá da Limia) constitúen un espazo natural de grande importancia para as aves acuáticas. Así o pudieron constatar membros de Verdegaia que realizaron un censo de aves acuáticas invernantes neste lugar nos pasados días cun total de case un milleiro de aves das diferentes especies.
Censáronse 6 cegoñas
brancas (Ciconia ciconia), 10 garzas reais (Ardea cinerea),
5 garzotas (Egretta garzetta), 102 corvos mariños reais
(Phalacrocorax carbo), un somorgullo cristado (Podiceps
cristatus), 4 fonduchos (Tachybaptus ruficollis), 580
alavancos reais (Anas platyrhynchos), 14 patos asubións
(Anas penelope), 41 culleretes (Anas clypeata), 201
charnecos (Anas crecca) e 3 picapeixes (Alcedo atthis),
cun total de case un milleiro de aves das diferentes especies
citadas, algunhas incluídas no Anexo I da Directiva 79/409/CEE
como a garzota ou a cegoña branca (que ten neste lugar un dos
escasos espazos naturais de invernada regular en Galicia), Directiva
tamén coñecida como Directiva Aves e que ten por obxeto
a protección das aves silvestres da Unión Europea.
Ademais, as areeiras e
a súa contorna albergan, a parte desta importante comunidade
de aves acuáticas invernantes, a zona de cría doutras
moitas especies entre as que se atopan algunhas tamén
incluídas no Anexo I da citada Directiva. Entre estas especies
están a xa citada cegoña branca (Ciconia ciconia),
a garza pequena (Ixobrychus minutus) que só conta con
seis núcleos de nidificación en Galicia, a folosa
grande (Acrocephalus arundinaceus) especie que se reproduce en
número reducido en Galicia, entre outras.
No tocante ás
aves migratorias de chegada regular, especies que tamén son
obxeto de protección pola Directiva 79/409/CEE, atopamos os xa
citados anteriormente alavanco real, (Anas platyrhynchos), o
cullerete (Anas clypeata), o charneco (Anas crecca) ou
a garza real (Ardea cinerea); neste punto tamén cómpre
resaltar a presenza ocasional doutras especies tamén incluídas
dentro da Directiva e moi escasas en Galicia tais coma a Gaivina de
cara branca (Chlidonias hybridus), a pernalonga (Himantopus
himantopus), a garza vermella (Ardea purpurea), entre
outras.
En total, entre as
aves invernantes, as aves reproductoras e as que se observan
regularmente nos pasos migratorios pre e posnupcial, as areeiras de
Sandiás e Vilar de Santos albergan perto de corenta especies
incluídas no Anexo I da Directiva Aves, feito polo cal
Verdegaia opta porque este espazo natural sexa incluido na ZEPA
"A Limia" como está a defender na mesa de traballo para
chegar a unha solución de consenso para esta ZEPA.
|