|
Verdegaia organiza un roteiro pola costa Sur de Vigo o vindeiro domingo, día 20 de xaneiro. Sairemos da praia da Fontaíña, na parroquia de Coruxo, ás 10:00 h. e
percorreremos camiñando o treito costeiro que separa ese areal da praia
de Canto de area, na parroquia de San Miguel de Oia.
O itinerario previsto será o seguinte: praia e dunas da Fontaíña, praia
do Baluarte, praia do Bao, illa de Toraia, rego do Carballoso, vila
romana e finca de Mirambel, xunqueira do Bao, praia de Canido, praia de
Fuchiños, praia de Punta Sobreira, praia da Buraca, costa rochosa de
Cabo Estai e praia de Canto de Area.
Entre os valores naturais que observaremos están as dunas da Fontaíña
que contan cun itinerario de interpretación ambiental autoguiado e que
albergan moitas especies típicas das dunas galegas tais como a camariña
(Corema album), as carrascas de San Xoán (Otanthus maritimus), a
leiteiriña de duna (Euphorbia paralias), os caracois de duna (Theba
pisana), os liñaceiros (Carduelis cannabina) e que son o vivo exemplo
de como se pode recuperar un ecosistema dunar degradado, recuperación
realizada polo Grupo Erva, primeiro, e pola Asociación Fontaíña,
despois, dende o ano 1992 ate a actualidade; neste lugar un membro da
Asociación Fontaíña explicará como se levou e se leva a cabo dita
recuperación, entre outros aspectos.
Outros valores naturais que observaremos durante a mañá serán as aves
acuáticas tais como os biluricos bailóns (Actitis hypoleucos), os
virapedras (Arenaria interpres), os carráns cristados (Thalasseus
sandvicensis), os corvos mariños (Phalacrocorax carbo e P.
aristotelis), e a fauna e flora da zona intermareal como a pulga de
area (Talitrus saltator), os mexilóns (Mytilus galloprovincialis), os
apegóns (Actinia equina), os canoucos (Laminaria sp.), os botellos
(Fucus vesiculosus) entre outras. Se temos sorte tamén poderemos ollar
os golfiños comúns (Delphinus delphis).
Outro espazo natural que visitaremos será a xunqueira do Bao, extensión
de espadanas, xuncos e outras especies de vexetais vinculadas a
humidais que se mesturan con zonas de bosque de ribeira e prados; este
espazo natural conta con algunhas ameazas tais como os recheos ilegais,
as construccións ilegais, o verquido de entullos... entre outros.
Xa rematando o roteiro disfrutaremos das espectaculares vistas da parte
Sur da Ría de Vigo coas illas Cíes como telón de fondo e visitaremos a
praia de cantos rodados de Canto de Area, unha das poucas praias destas
características que podemos atopar no concello e na ría de Vigo.
Entre os valores arqueolóxicos que coñeceremos está a vila romana de
Mirambel que está actualmente en proceso de excavación e musealización.
O percorrido realizarase coa axuda dun guía da asociación que dará
explicacións precisas sobre os diferentes aspectos que se irán
observando ó longo da xornada.
O roteiro durará a mañá completa e cómpre levar calzado e roupa
axeitados, e prismáticos se se dispón deles. Ademais, é aberto e
gratuito para todas e todos.
Para chegar á praia da Fontaíña pódense coller as liñas 10 e 11 do
autobús urbano para non empregar o vehículo privado e así non
contribuír ó avance do cambio climático.
Para máis información:
Diego Rodríguez Vieites, Vicecoordenador Xeral de Verdegaia (670 784 919).
Powered by AkoComment! |