|
Diante da crecente presenza destes vehículos nas cidades, Ecoloxistas en Acción elaborou un exhaustivo estudo baixo o epígrafe “4x4 = - Planeta”, traducido e presentado en Galicia por Verdegaia, que vén a demostrar a alta capacidade de destrución ambiental que posúen estes vehículos. Do informe despréndese que se ben os impactos que ocasionan estes vehículos son comúns a todos os automóbiles, o grao de incidencia dos mesmos é moito máis acusado nos 4x4.
Os datos son demoledores:
No terreo das
emisións, a maioría dos modelos de 4x4 presentan uns
niveis de emisión de CO2 moi elevados, xeralmente por riba do
resto de vehículos. Dos 20 modelos máis vendidos no
Estado español no 2006, practicamente todos emiten por riba
dos 200 g de CO2/km (segundo Faconauto, a media de emisións
dos vehículos matriculados no 2006 foi de 152 g/km). No
contexto actual, no que a contribución do transporte ao cambio
climático medra de forma imparable, os 4x4 representan unha
opción totalmente insostible. Ademais, e de forma paralela, os
niveis de emisión doutras contaminantes atmosféricos
son tamén máis elevados, contribuíndo a aumentar
as afeccións cardiorrespiratorias e agravando a precariedade
atmosférica das cidades.
Tampouco se debe
desdeñar do impacto directo destes vehículos no medio
natural, supoñendo un forte incremento da presión sobre
contornos até o de agora pouco accesibles. Ademais, é
necesario subliñar a degradación que se vén
observando na rede de camiños e pistas forestais, que no caso
español equivale a máis de 600.000 km.
O estudo desmonta a
falacia sobre a "maior seguridade" dos 4x4. Así, apórtanse
datos que cuestionan a maior seguridade destes vehículos para
os seus ocupantes. Por exemplo, no 2003, a Axencia de Seguridade de
Tráfico de EE UU informaba de que os todoterreno volcan con
máis facilidade, e nos accidentes por volco o índice de
mortalidade dos ocupantes era 3 veces maior nos 4x4 que nos
turismos1. Ao mesmo tempo, se evidencian unhas consecuencias moito
máis graves en caso de sinistro ou atropelo, tanto para os
ocupantes dos vehículos cos que colisionan como para os
viandantes. Así, un recente estudo, levado a cabo en EE UU,
demostra que un viandante atropelado por un 4x4 de grandes dimensións
ten o dobre de posibilidades de morrer que outro atropelado en
idénticas condicións por un turismo de tamaño
normal.
A causa desta
concentración de impactos negativos está na
peculiaridade esencial destes vehículos: maior volume, maior
peso e maior potencia, e, polo tanto, un maior consumo de enerxía
e unhas maiores emisións. Desta maneira, os 4x4 convértense
no icono da insostenibilidad motorizada. Isto é, na punta de
lanza dun modelo de mobilidade baseado no automóbil, cuxas
múltiples repercusións sociais, ambientais e económicas
teñen importantes afeccións tanto locais como de ámbito
global.
Ecoloxistas en Acción
e Verdegaia consideran necesario romper coa visión
mitificadora que a publicidade utiliza co único obxectivo de
vender un tipo de vehículo totalmente innecesario na cidade, e
moi cuestionable no campo. Así mesmo, é necesario unha
mudanza de percepción sobre os condutores destes vehículos:
lonxe de ser representantes do éxito social, non son senón
o expoñente máis claro da dilapidación de
recursos e de insolidaridad co resto do planeta.
O informe termina
expoñendo unha serie de boas prácticas e de medidas
para as Administracións, algunhas delas específicas
para os 4x4.
Este estudo
enmárcase dentro dunha campaña de ámbito europeu
que durante os dous próximos anos realizará diversas
actividades e actos públicos para incrementar conciénciaa
crítica sobre este tipo de vehículo. Campaña
relacionada, tamén, co proceso lexislativo actualmente en
marcha na Unión Europea respecto ás emisións de
CO2 da nova flota de automóbiles. Ecoloxistas en Acción
considera que a Unión Europea debe establecer un límite
obrigatorio de 120 g de CO2/km na nova flota a partir de 2012, de
modo que vehículos tan contaminantes como os todoterreno
empecen a desaparecer das nosas cidades.
Descarga o Informe 4x4=- planeta
|