|
Vivimos
tempos de crise ecolóxica global, aumento das desigualdades e
erosión das liberdades, tempos de dominio das empresas
transnacionais, de imposición do mercado sobre persoas, pobos
e Estados, sobre especies, espazos e biosfera. Todo está á
venda ou así se pretende, todo é submetido á
procura do beneficio, do lucro, da acumulación de cada vez
máis riqueza en cada vez menos maos.
Crise
ecolóxica global, pobreza, guerra global permanente, control
social... están interrelacionados e teñen causas
estruturais cunha mesma orixe: ese industrialismo que hoxe coñecemos
en forma de globalización capitalista/neoliberal. Un sistema
antropocéntrico, etnocéntrico e patriarcal;
curtopracista, produtivista e tecnoentusiasta; ambiental e
socialmente devastador; insustentábel e autodestrutivo.
As
minorías privilexiadas globais acaparan materias primas e
riqueza, ao tempo que desprazan as cargas ambientais e sociais cara o
resto da humanidade e as xeracións futuras, xerando pobreza.
Galicia, pola súa condición de periferia no Estado
español e na Europa, debería ter unha especial
sensibilidade con respecto a esa inxustiza estrutural, a ese
intercambio desigual no que as persoas e pobos desfavorecidos
malvenden a súa mao de obra e recursos naturais, receben as
industrias máis poluíntes, destrúen e ven
destruír o seu contorno, expulsan á poboación
nova e mellor formada... mais non é así.
Por
moi desfavorecida que poda aparecer no contexto español e
europeo, Galicia é parte desa minoría privilexiada
global que devora o planeta e o futuro, que se enriquece a custa de
empobrecer á grande maioría da humanidade, ao conxunto
da biosfera e ás xeracións futuras. Salvo contadas
excepcións, a humanidade toda é xa parte do
industrialismo, mais non todos os seres humanos temos a mesma
responsabilidade en fenómenos como a crise ecolóxica
global, a pobreza ou a fame. Quen facemos parte da minoría
privilexiada global temos unha responsabilidade especial.
A
degradación ambiental que sofre o noso país non é
allea á crise ecolóxica global, e viceversa. Inxustiza
social e degradación ambiental están estreitamente
relacionadas. Os nosos hábitos teñen consecuencias
locais e globais, achegadas e alonxadas no tempo. Vivimos nun mudo
imposíbel, dominado por fortes tendencias (auto)destrutivas,
pero as cousas non teñen porqué ser así. Podemos
construir Galicia doutra forma, desde a empatía e a
solidariedade, desde a sustentabilidade ambiental e a xustiza social,
aprofundando na democracia participativa, exercendo a cidadanía,
defendendo a dignidade.
Cumpren
cambios globais, estruturais, colectivos… pero tamén locais,
parciais, individuais. É necesario mudar hábitos,
políticas e regras de xogo e isto só será
posíbel con cidadanías fortes, organizadas e
sensibilizadas, responsábeis, que pensen globalmente e actúen
tanto local como globalmente.
Promover
unha transformación social e global baseada na
sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social requer
cidadanías fortes. Construír unha cidadanía
forte implica fuxir do localismo e a atomización;
autoorganizarse e tecer redes, nacionais e transnacionais;
desenvolver un traballo rigoroso, de cualidade e viábel, que
supere o voluntarismo; xerar sinerxías que melloren a
capacidade de análise, denuncia, difusión,
mobilización, presión e desenvolvimento de
alternativas.
Amarante
e Verdegaia son dúas organizacións nascidas para
afrontar os mesmos retos
desde diferentes movimentos sociais e con análises
ideoloxicamente próximas. Desde a cooperación
internacional unha, desde o ecoloxismo social a outra, Amarante e
Verdegaia surxen como dúas entidades que apostan pola
autoorganización da cidadanía galega para avanzarmos na
construción da sustentabilidade ecolóxica e a xustiza
social.
Verdegaia
e Amarante son expresións da autoorganización da
cidadanía galega. Sen ataduras, sen dependencias partidarias,
gobernamentais ou empresariais. Apartidarias, pero non apolíticas.
Nascidas en Galicia e organizadas a nível galego, sen que isto
impeda colaborar con organizacións doutros países e
ámbitos ou integrarse en entidades máis amplas, de
ámbito estatal, internacional ou transnacional.
Amarante
e Verdegaia queren xerar ese tipo de sinerxías
transformadoras, e por iso deciden estreitar os seus lazos de
colaboración. Esta unión de forzas e apoio mútuo
posibilitarán unha maior presenza e capacidade de incidencia
de ambas organizacións, farán máis posíbel
avanzar na construción dunha alternativa emancipatoria, galega
e global, ao industrialismo.
Deste
xeito, ambalas dúas organizacións inician un acordo de
colaboración a nivel nacional para fomentar o tecido
asociativo, a incidencia social e a presión política
que se concretan en campañas conxuntas dentro do consumo
responsable e sustentable como roupa limpa ou a soberania alimentaria
ata compartir espazos de traballo e locais conxuntos para conquerir
o noso obxectivo de dinamización da sociedade e da
transformación social
|