|
Nace a Rede Galiza non se Vende |
|
|
|
|
Venres, 16 de Novembro do 2007 |
As organizacións e colectivos que conformamos a Rede Litoral Vivo, entendemos necesario estender esta rede cidadá para incorporar a outras plataformas e entidades cívicas cuxo principal obxectivo é acadar unha xestión máis sustentábel e solidaria dos nosos recursos naturais e pular por unha ordenación do territorio racional e socialmente xusta. Alén do litoral, hoxe están ameazadas grande parte do noso patrimonio natural, o patrimonio histórico e etnográfico e mesmo os xeitos de producción propios, pola extensión dun modelo económico insolidario e depredador ao servizo dos intereses capitalistas e especulativos.
Por iso, e para extender na nosa acción cívica a eses eidos, é polo que
acordamos pasar a denominarnos Rede GALIZA NON SE VENDE. As nosas
accións irán xa que logo encamiñadas a:
- Intercambiar información
e experiencias entre persoas e colectivos en defensa do patrimonio
natural, social e cultural de Galiza e dos seus valores ambientais
propoñendo alternativas de uso, conservación e restauración que
manteñan a súa integridade. A Rede GALIZA NON SE VENDE actuará de
multiplicadora dos esforzos destinados a xerar alternativas e cambios
no modelo de xestión do territorio.
- Apoiar ás
mobilizacións sociais en defensa dos valores do territorio e actos de
protesta pola represión e a inxustiza (denuncias, xuízos) contra
persoas e colectivos que pacificamente están a exercer o libre dereito
a defendelo e da súa legalidade, difundindo alertas e convocatorias de
mobilización.
- Difundir as
novas dos colectivos, logrando que transcendan do ámbito local,
convertendo a Rede GALIZA NON SE VENDE nunha ferramenta de
amplificación da problemática do territorio galego e permitindo adoptar
unha visión de conxunto das agresións ao noso patrimonio natural.
- Aumentar a
sensibilización social mediante a divulgación e a concienciación da
cidadanía ofrecendo unha canle de denuncia e participación activa.
- Xerar sinerxias que permitan mellorar a capacidade de presión sobre gobernos e empresas sumando as forzas dos colectivos integrantes.
A Rede, da que non farán parte forzas políticas e sindicais, será
horizontal e cunha estrutura mínima. O protagonismo será dos colectivos
integrantes. Facemos dende aquí o chamamento a incorporarse a ela
a tódolos grupos sensibilizados pola protección do noso territorio.
Este movemento nacido como Rede Litoral Vivo e hoxe rebautizado como
“Galiza non se vende” ten un dos mais grandes obxectivos que un pobo
poida procurar: unha terra viva e unha vida digna para tod@s.
E comeza con un chamamento á acción, a amosar a oposición cidadán ao
terrible ritmo de destrución que está a sufrir o territorio galego: un
plan de acuicultura pensado para as multinacionais; un plan de portos
deportivos que supón un terrible ataque á riqueza natural das nosas
costas; unha lei de minaría que fai explotables todos os tipos de chan,
incluso os de protección de espazos naturais; unha lei de pesca que
pretende privatizar o marisqueo e tirarlle o poder de decisión as
confrarías; un urbanismo salvaxe que as administracións non son quen de
conter; a proliferación de parques eólicos e centrais hidroeléctricas
privatizando os recursos públicos; a desprotección de miles de
hectáreas antes protexidas coa creación dunha nova Rede Galega de
Espazos Protexidos; Reganosa, coa súa perigosa e ilegal
situación......Nunca os ataques foron tan sistemáticos nin contaron con
tan unánime silencio político. É a cidadanía a que ten que reaccionar e
manifestarse na data proposta do vindeiro 17 de febreiro en Compostela
para berrar que Galiza non está en venda e se van esixir
responsabilidades aos que tentan malvendela.
Por unha terra viva e unha vida digna para tod@s
|