O Plano Parcial de Ordenación do sector nº 10 de Solo Urbanizable Industrial denominado polígono empresarial San Martiño 2 considera que a bicicleta e ir a pé non se poden considerar como alternativas de transporte a considerar para o polígono en base a un conxunto de inconvenientes como a distancia que separa o sector de Sigüeiro, a descontinuidade da trama urbana, a climatoloxía, a inseguridade vial, etc.
Mais
estudando polo miúdo o proxecto, constátase que o
polígono situarase na parroquia de Oroso, a unha distancia de
1.500 m ao norte do núcleo urbano de Sigüeiro.
Se
estimamos unha velocidade "de paseo" de 12 Km/h en
bicicleta esta distancia percórrese en menos de 8 minutos.
Outras poboacións como A igrexa, Os Mariñaos, Vilacide
e Vilanova están aínda máis próximas,
sendo, xa que logo, a bicicleta un excelente medio de transporte para
estas localidades. Tamén, ao respecto da xeomorfoloxía,
o plano contradise ao considerar noutro apartado que o contexto
xeográfico caracterízase pola presenza de superficies
aplanadas ou de suaves abas cunha pendente media do 5%, perfectamente
axeitado para a bicicleta.
O
proxecto indica que o tráfico de vehículos constitúe
outro foco de emisións contaminantes á atmosfera,
estimándose en 800 vehículos/día o tráfico
correspondente aos traballadores e traballadoras,
aínda que recolle noutro apartado entre 1.000 e 2.000 postos
de traballo directos xerados polo polígono, aos que habería
que sumar 3000 vehículos de visitantes e 350 camións. A
carga contaminante deste movemento de transporte a motor esixe
medidas redutoras, e así consta na lexislación
sectorial que limita as emisións de CO2 e outras sustancias
xeradas no proceso de combustión. Neste aspecto a bicicleta
ofrece claras potencialidades de redución de emisións,
soa ou en combinación co transporte público colectivo.
Por
todo isto, Verdegaia demanda ao Concello de Oroso que corrixa o plan
parcial
pasando a
estimar a bicicleta como unha alternativa válida e desexable
ao sistema motorizado que o planeamento debe recoller e afortalar e
que modifique o planeamento en todos aqueles epígrafes e
planos que se precise para recoller o emprego da bicicleta como medio
de transporte preferente dentro do polígono, nos accesos ás
poboacións das proximidades (incluído Sigüeiro),
nos accesos intermodais co transporte interurbano, e
nas comunicacións
entre as poboacións e dotacións da área.
Descarga as alegacións 214.02 Kb
|