|
Ademáis de verse afectada a rede hidrográfica e varias masas arbóreas
singulares como a Fraga da Pega, o proxecto poría en perigo a numerosas
especies de animais legalmente protexidas. Asemade, cuestiona a
necesidade do parque empresarial pola cantidade de solo industrial
infrautilizado. Tamén considera que de levarse a cabo o proxecto nos
seus actuais termos, contraviría a lexislación ambiental en vigor; por
iso recomenda que se estude outro emprazamento alternativo de estar
xustificada a súa necesidade.
O Núcleo Comarcal de Verdegaia (bisbarras de
Ferrol, Eume e Ortegal) ven de formular alegacións, ante a
Consellería de Vivenda e Solo, ao Proxecto Sectorial e ao Estudo de
Impacto Ambiental (en diante E.I.A.) do Parque Empresarial de Leixa
(Ferrol).
Verdegaia é consciente da necesidade de ordear as actividades
industriais, como calquera outra, mais considera que a parroquia
ferrolá de Leixa non é a máis axeitada, desde o ponto de vista
ambiental, para acoller un parque empresarial como o que se pretende,
dado que se verían directamente afectados unha ampla rede hidrográfica,
constituida polo Rego de Fonteiroa, o Regato de Leixa e o Rio Seco,
ademáis dunha serie de chairas de asolagamento, bosques ripícolas e
carvalleiras, principalmente, de grande valor ecolóxico e paisaxístico,
tal e como recoñece o propio E.I.A. do proxecto.
No marco dun verdadeiro desenvolvemento sustentabel, sería recomendabel
que se aproveitara ao máximo a superficie infrautilizada dos polígonos
industriais existentes na bisbarra como Rio do Pozo (Narón), Vilar do
Colo (Fene) ou Vidrieiro (Pontedeume) para satisfacer a demanda de solo
industrial da que tanto se fala. En calquera caso, cuestionamos a
existencia de tal demanda pois, se así fora, non existiría tanta
superficie valeira nos polígonos industriais que, segundo a propia
Conselleria de Vivenda e Solo recoñece, acada o 44 % en toda Galicia.
Este mesmo organismo tamén recoñece que moitas das demandas de solo
industrial non están respaldadas por proxectos, respondendo máis ben a
intereses especulativos.
En calquera caso, de estar absolutamente xustificada a necesidade de
máis solo industrial no Concello de Ferrol, deberíase buscar outro
emprazamento alternativo ao de Leixa polos motivos ambientais
anteriormente expostos, non tendo por que localizarse o novo parque
empresarial no Concello de Ferrol, pois consideramos que se deberían
crear polígonos ou parques industriais de ámbito comarcal co obxecto de
mitigar o impacto ambiental que conleva a atomización deste tipo de
solo, debendo deixar de lado os localismos absurdos, moi propios dos/as
alcaldes/as da bisbarra.
Ainda que parte da rede hidrográfica afectada polo parque empresarial
incluiríase como zona verde dentro do ámbito, existen outros treitos
fluviais que sí se verian afectados polas canalizacións e os recheos. O
mesmo acontece coa Fraga da Pega, que pese a incluirse como zona verde
no ámbito do parque empresarial, parte da fraga veríase igualmente
afectada pola dotación de usos terciarios, equipamentos, aparcadoiros e
pola construción dun novo vial (Rua G). Estas afeccións contradinse co
disposto no E.I.A. ao afirmarse que "...se van a mantener sin afección
las zonas de mayor valor ecológico, quedando como espacio libre y zona
verde en la futura zonificación del parque", sinalando como unha das
zonas de maior interese a Fraga da Pega. Asimesmo, outras carvalleiras
existentes na zona resultarían totalmente destruidas polo parque
empresarial.
O E.I.A. recoñece, ademáis, que na zona de Leixa existen, cando menos,
centonove (109) especies de animais protexidas, das cales noventa e
oito (98) están calificadas como de "interese especial" e tres (3) como
"Vulnerabeis" polo R.D. 439/1990 que regula o Catálogo de Especies
Amenazadas. Outras dez (10) especies figuran no Anexo II da Directiva
92/43/CEE; é dicir, que para a sua conservación é necesario designar
zonas especiais de conservación. Asimesmo, catorce (14) especies
figuran no Anexo IV da mesma Directiva europea, para as cales se
require unha proteción estricta e vinteseis (26) especies de aves
figuran no Anexo I da Directiva 79/409/CEE, relativa á conservación das
aves silvestres. Para todas estas especies faunísticas esíxese, como
medida indispensabel para a sua proteción, a preservación do seu
hábitat natural. Nembargantes, no E.I.A. do proxecto propóñense unha
serie de medidas, supostamente encamiñadas a minimizar o impacto do
proxecto, que non impedirían a destrución de boa parte dos hábitats
naturais sinalados, dos que dependenden as citadas especies faunísticas
protexidas.
Desde Verdegaia, pídese á Consellería de Vivenda e Solo que, dacordo
coa lexislación ambiental en vigor, se adopten as medidas oportunas
para preservar na sua integridade a rede hidrográfica, as chairas de
asolagamento, os bosques ripícolas e as carvalleiras existentes na
parroquia de Leixa afectados polo proxecto empresarial. De feito, o Val
de Leixa figura no Catálogo de Bens Protexidos do P.X.O.M. de Ferrol.
|