A produción, a transformación e o consumo de enerxía son a principal causa de deterioración ambiental, tanto en Galicia como a nivel mundial. Convidámoste a ler as respostas actualizadas a algunhas cuestións básicas para entendermos mellor a realidade enerxética da nosa terra: cais son as fontes enerxéticas empregadas en Galicia?, somos un país excedentario en enerxía?, a electricidade xerada nos parques eólicos substitúe á electricidade sucia?, que custos dentro e alén das nosas fronteiras implica o modelo enerxético galego?, que propón Verdegaia para avanzarmos cara a un modelo enerxético sustentable?,...
Cais son as fontes enerxéticas empregadas en Galicia?
A enerxía primaria son os recursos enerxéticos empregados para un uso
finalou para a súa transformación
noutra forma de enerxía (por exemplo, carbón ou vento para xerar
electricidade). Segundo o Balanzo enerxético de Galicia 2006 do Instituto
Enerxético de Galicia, o último dispoñible, só o 13,1
% da enerxía primaria total foi de orixe renovable (hidráulica, eólica,
solar, biomasa e outros residuos de biomasa). Xa que logo, case toda a enerxía
primaria procede de combustibles fósiles (principalmente petróleo, seguido
polocarbón e polo gas natural).
En 2006, o valor da enerxía primaria importada foi de 10,5 millóns de
toneladas equivalentes de petróleo (tep), mentres que o da enerxía primaria
galega foi de 3,1 millóns de tep. O 43,5 % da enerxía primaria galega foi
achegada polo lignito pardo, un tipo de carbón extraído nas minas das Pontes e
de Meirama que se esgotou en 2007.
Canta enerxía consumimos?
En 2006, o consumo de produtos petrolíferos foi de 4 millóns de tep. O
transporte, co 48,8 % do total, é o sector que demanda unha proporción maior de
produtos petrolíferos. Canto á electricidade, o consumo bruto foi de 1,8
millóns tep. A industria representou o 56,1 % do consumo eléctrico, unha
porcentaxe moi superior á da maioría dos países da UE, o que é debido á
localización no noso territorio dalgunhas industrias intensivas en consumo de
electricidade, nomeadamente a fábrica de alúmina-aluminio de San Cibrao (Mariña
luguesa), pertencente á transnacional ALCOA.
O noso consumo de enerxía finalestá a medrar moito. No
período 2001-2006 aumentou un 12,3%. O incremento no uso da electricidade foi
do 35,1% e o de produtos petrolíferos do 24,8 %. Só diminuiu o consumo de
calor, nun 13,6%.
Somos un país excedentario en enerxía?
Galicia non exporta enerxía, non exporta ningún tipo de materia prima
enerxética. Todo o contrario: o nivel de dependencia enerxética de Galicia é
moi alto. En 2006, o 77,2 % da enerxía primaria total foi importada
(principalmente cru de petróleo, produtos petrolíferos e carbón, mais tamén gas
natural e cereais para a produción de agrocombustible).
Galicia importa grandes cantidades de enerxía primaria (combustibles fósiles
e biomasa para agrocombustibles) para a súa transformación con destino ao
consumo interno ou á exportación. De toda a enerxía dispoñible en 2006, o 64,3%
consumiuse no noso país e o 35,7% restante exportouse maioritariamente ao resto
de España. Vemos logo que o sector enerxético galego, de base netamente non
renovable, cun elevado impacto ambiental e claramente dependente do exterior,
atende sobre todo a demanda enerxética galega. Con todo, segue a cumprir un
papel importante como fornecedor de enerxía transformada (concretamente
produtos petrolíferos, electricidade e agrocombustibles) á economía española.
Cando ouvimos que Galicia exporta enerxía, normalmente o que se pretende
dicir é que o noso país exporta enerxía eléctrica. En 2006, Galicia, que
achegou o 9,9% da xeración eléctrica española, exportou o 36,1%da electricidade producida no seu
territorio. Mais cómpre termos en conta que grande parte da electricidade
xerada en Galicia obtense a partir de combustibles fósiles importados, o que é
máis acentuado desde 2008, pois todo o carbón empregado nas centrais
termoeléctricas galegas das Pontes (ENDESA) e de Meirama (UNIÓN FENOSA) é agora
de importación. Alén diso, veñen de entrar en servizo dúas novas centrais
termoeléctricas de ciclo combinado que queiman gas natural importado, unha nas
Pontes -que se suma á existente de carbón- e outra en Sabón (Arteixo).
Sen as moi contaminantes e ineficientes centrais térmicas de carbón, Galicia
teríase visto obrigada a importar electricidade. En 2006, a producióneléctrica a partir derenovablesequivaleu ao 68,4 % da electricidade consumida na nosa terra.
Que custos implica o noso modelo enerxético?
A produción, a transformación e o consumo de enerxía en Galicia, da forma en
que hoxe se efectúan, conlevan importantes custos económicos, sociais e
ambientais, non só para Galicia, senón tamén para outros países e a nivel
global. Ademais, parte do prezo do noso consumo desbocado de enerxía e da nosa
forte dependencia dos combustibles fósiles será pagado polas xeracións futuras.
Canto
aos efectos en Galicia ligados ao noso modelo enerxético podemos salientar os
asociados a un modelo de transporte que descansa sobre o automóbil e o camión
(contaminación, custosas infraestruturas que destrúen o territorio, accidentes,
perda de habitabilidade de cidades e vilas,...), á produción eléctrica con carbón
(impacto das minas das Pontes e de Meirama, chuvia ácida, construción dos
portos exteriores de Ferrol e da Coruña,...), aos pequenos e grandes encoros
hidroeléctricos (deterioración dos ríos, afeccións a producións
agrarias,...) e á transformación do petróleo (contaminación atmosférica da
refinaría de REPSOL, mareas negras,...). Sen esquecermos os impactos sobre a
paisaxe e a biodiversidade dalgúns parques eólicos que foron construídos en
zonas ambientalmente inadecuadas.
Canto aos efectos globais e noutros territorios, é preciso salientar, en
primeiro lugar, a contribución ás alteracións climáticas. As emisións por
habitante de gases causantes da mudanza climática en Galicia (12,4
toneladas/ano en 2006) son mesmo superiores ás de España (9,9) e ás da UE
(10,4), sendo as centrais térmicas e o transporte as fontes principais.
Alén diso, é preciso destacar os danos ambientais noutros países
vencellados á extracción e ao transporte do carbón, petróleo e gas natural que
importamos.
Ao nos apropiarmos gratuitamente dunha parte moi superior á que nos
correspondería da capacidade de absorción de dióxido de carbono (CO2)
-o principal gas de efecto invernadoiro-, e ao non compensarmos os custos
socioambientais ligados aos recursos enerxéticos que importamos, contraemos
unha elevada débeda
ecolóxica en materia de enerxía. Esta é moi superior á contraída con
Galicia polo conxunto do Estado español por non compensar os danos asociados ao
papel da nosa terra como fornecedora de enerxía transformada.
Usamos a enerxía con eficiencia?
Os prezos actuais da enerxía en Galicia e en España non incentivan
moito o aforro e a eficiencia, polo que non é estraño que en Galicia e no
conxunto de España a enerxía se malgaste moito. Así, a intensidade enerxética
da economía, é dicir, a relación entre o consumo de enerxía e a xeración de riqueza,
é bastante maior en Galicia que na maioría do resto de países de Europa
occidental.
Alén de usarmos a enerxía con eficiencia, cómpre apostarmos pola
suficiencia, rexeitando o produtivismo e o consumismo.Con outras políticas públicas, tecnoloxías,
hábitos de consumo, valores sociais,.... poderiamos producir bens, transportar
persoas e mercadorías, quentar os fogares,... con moita menos enerxía do
que o facemos hoxe, decrecendo o consumo de enerxía.
As enerxías renovables poderían atender a nosa demanda de enerxía?
A
demanda enerxética galega interna cóbrese hoxe unicamente nun 24,6 % con fontes
renovables. Por iso, pode parecer inalcanzable o obxectivo de cubrirmos algún
díao 100% da nosa demanda enerxética
só con renovables. Máis é posible, e en menos tempo do que moita xente pensa,
se facemos todo o posible para que sexa así. ¿Que cómpre facer?. Basicamente
tres cousas: decrecer o noso consumo de enerxía, orientar máis o sector
enerxético galego cara ao autoabastecemento e despregarmasivamente as enerxías renovables, do xeito
máis rápido e descentralizado posible.
No caso particular da electricidade, dispomos de estudos que demostran a
viabilidade dun escenario 100% renovable. Un informe encargado por Greenpeace
ao Instituto de Investigacións Enerxéticas da Universidade Pontificia de
Comillas sobre o potencial
das enerxías renovables na España peninsular concluiu que Galicia podería
ser totalmente autosuficiente con enerxías renovables para toda a súa demanda
de electricidade proxectada para 2050, mesmo con unha só dalgunhas delas (solar
termosolar, solar fotovoltaica, eólica terrestre,...).
A electricidade xerada nos parques eólicos substitúe a electricidade sucia?
Desde 1997, construíronse en Galicia máis de 100 parques eólicos. Porén, a
produción das centrais térmicas galegas non ten diminuído moito nos últimos
anos. É verdade entón que a electricidade xerada nos parques eólicos substitúe
a electricidade sucia?.
A electricidade producida polos parques eólicos, e a de orixe renovable en
xeral, sempre entra na rede eléctrica, polo que substitúe sempre a
electricidade sucia. O que acontece é que, por causa do forte aumento da
demanda eléctrica rexistrado en Galicia e no Estado español nos últimos anos, o
espectacular crecemento da enerxía eólica non fixo posible que diminuíse moito
a produción eléctrica sucia. Mais, de non ser polos parques eólicos,as emisións totais de gases de invernadoiro
causantes da mudanza climática global terían medrado aínda máis.
Os parques eólicos achegan enerxía limpa e renovable que é necesaria, mais
tamén supoñen un certo impacto ambiental. Por iso, non se deben construír en
áreas de alto valor ecolóxico, por exemplo, en zonas da Rede Natura 2000. Na
nosa terra, hai máis de 40 parques eólicos en funcionamento situados en Rede
Natura 2000, 27 deles na serra do Xistral.A nova regulación autonómica
da enerxía eólica aprobada en 2007 impide construír máis parques eólicos en
espazos da Rede Natura 2000, mais non noutras áreas de elevado interese natural
e paisaxístico non incluídas nesta rede europea de espazos protexidos. De
feito, os concursos eólicos convocados pola Xunta en 2006 e 2008 admitiron a
trámite parques eólicos en zonas de alto valor ecolóxico, algunhas delas
incluídas nunha proposta da propia Xunta para a ampliación da Rede Natura 2000.
O gas natural é unha enerxía limpa?
Non é correcto afirmar que o gas natural é unha enerxía limpa, como moitas
veces se di desde empresas enerxéticas ou desde institucións. A súa produción e
consumo xera contaminación atmosférica e contribúe ás alteracións climáticas. O
que si é verdade é que o fai en menor medida có petróleo e, sobre todo, có
carbón. Polo tanto, é mellor queimar gas natural que derivados do petróleo ou
carbón, mais as alternativas sustentables son a suficiencia, a eficiencia e as
enerxías renovables, non o gas natural.
Como vimos máis arriba, en Galicia comezaron a funcionar recentemente dúas
centrais térmicas de ciclo combinado, unha nas Pontes e outra en Sabón
(Arteixo), que usarán gas natural para producir electricidade, o que non
significa que as altamente impactantes e pouco eficientes centrais de carbón
das Pontes e de Meirama deixen de funcionar, pois seguirán a facelo,con carbón de importación. Para abastecer as
novas centrais, construíuse no interior da ría de Ferrol, malia unha forte
oposición social, a regasificadora de REGANOSA. Esta planta conleva un elevado
impacto ambiental e riscos inaceptables para a seguridade das poboacións
próximas.
Os gasodutos, e non as plantas regasificadoras,
son o mellor método de transporte do gas natural. Licuar o gas natural para o
transportar en barco até unha planta regasificadora representa unha perda dun
35% da enerxía, fronte ao 10-20% no transporte por gasoduto.
Por que é rexeitable a enerxía nuclear?
A enerxía nuclear é unha forma de enerxía perigosa e insustentable. Non hai
unha solución segura e satisfactoria ao problema da xestión dos residuos
nucleares, cuxa perigosidade permanece até decenas de miles de anos. É unha
enerxía moi cara que só foi capaz de sobrevivir até agora con fortes apoios
estatais. Non é necesaria para combater a mudanza climática: os investimentos
en eficiencia enerxética son moito máis efectivos para evitar emisións de CO2.
No ano 2006, a enerxía nuclear representou o 10,8 % do consumo de enerxía
primaria en España, por detrás do petróleo (48,9 %), do gas natural (20,9 %) e
do carbón (12,8 %). No que atinxe á xeración eléctrica, achegou o 19,8%.
Non se presentou polo de agora ningún proxecto para construír unha nova
central nuclear, aínda que se están a ouvir voces desde o mundo político e
empresarial que apostan pola enerxía nuclear. O actual Goberno central
comprometeuse co peche escalonado das centrais nucleares españolas, aínda que
segue sen presentar un calendario, incumprindo así a súa promesa. No noso país,
FENOSA tentou construír unha central nuclear en Xove (Mariña luguesa) nos anos
70.
Que propón Verdegaia?
A suficiencia (rexeitar o produtivismo e o consumismo) e a eficiencia (usar
de forma máis eficiente a enerxía para facer o mesmo con menos), xunto co
desenvolvemento das enerxías renovables, son as chaves para avanzar cara á
sustentabilidade, para construír un modelo enerxético ecoloxicamente
sustentable e socialmente xusto (entre países, dentro de cada país e coas
xeracións futuras). Para incentivar o aforro e a eficiencia e para facer as
renovables máis competitivas, resulta imprescindible redireccionar as
cuantiosas axudas públicas que reciben hoxe as enerxías sucias e facer unha
ambiciosa reforma fiscal ecolóxica que penalice o desperdicio de enerxía e
grave máis as enerxías sucias.
É da maior importancia facer unha reconversión ecolóxica do
transporte, sector crucial desde o punto de vista da sustentabilidade no que
está a medrar moito o consumo de enerxía. A xestión da demanda, é dicir, a
redución das necesidades de desprazamento -o que pode ser conseguido a través
dun adecuado ordenamento do territorio-, xunto coa inversión na xerarquía dos
modos de transporte -colocando o coche e o camión en derradeiro lugar e facendo
do ferrocarril a columna vertebral do sistema de transporte-, son as medidas
principais. É esencial desligar o benestar do crecemento do transporte e dos
custos ambientais e sociais asociados a el.
O desenvolvemento das enerxías renovables debe facerse da forma máis
descentralizada posible, apostando tamén pola microxeración para o autoconsumo.
Asemade, é preciso minimizar os seus impactos ambientais, por exemplo, evitando
a construción de parques eólicos ou minicentrais hidroeléctricas en zonas de
alto valor ecolóxico, ou garantindo que o aproveitamento enerxético da biomasa
non contribúa á degradación do solo, á diminución da biodiversidade ou á perda
de soberanía alimentaria en países empobrecidos do Sur que produzan cultivos
enerxéticos para a elaboración de agrocombustibles en
países desenvolvidos coma o noso.
En particular, o impulso da enerxía solar (térmica,
fotovoltaica, termoeléctrica) debería ser obxecto da máxima prioridade. Galicia
presenta un potencial alto para a enerxía solar, contrariamente ao que moitas
veces se pensa.