Os residuos en Galiza: diagnose e propostas de futuro

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo
A Federación Ecoloxista Galega (FEG) presentou perante o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel, Xoaquín Buergo, o documento “Os residuos na Galiza: diagnose e propostas de futuro”. Este documento, do que presentamos un resumo, contén propostas relativas á xestión dos residuos urbanos, da construción e agrarios. A prevención e o tratamento adecuado son as chaves para unha nova política de residuos sustentábel.

 

Residuos urbanos

 

O Plano de Residuos Urbanos do PP deixou un escenario caracterizado por un forte aumento da xeración de lixo por persoa e día (23% no período 1998-2003) e unhas porcentaxes de materiais do lixo do modelo SOGAMA que apenas atinxiron o 10% do total. A incineración, un método contaminante que supón un desbaldimento de recursos, recibiu a maior parte dos investimentos.

 

A FEG propón unha campaña pola redución, con dúas vertentes, unha dirixida ao público en xeral, e outra cara as cadeas de distribución de alimentos; o apoio e potenciación dos sistemas de retorno de envases; novos modelos de recolla selectiva (recolla do lixo porta a porta) e o establecemento de taxas proporcionais á cantidade de residuos xerados, como xa existen noutros países.

 

Tendo levado adiante as propostas anteriores, centradas en evitar a xeración de lixo, ficaría por establecer o modelo de xestión que, a xuízo da FEG, debería ser: descentralizado, baseado na compostaxe e de baixa tecnoloxía (para que un plan de residuos funcione non fai falla construír unha planta tan cara e de tan difícil xestión como a de Nostián).

 

Residuos perigosos

Hoxe hai unha falta de puntos limpos nos que depositar residuos urbanos voluminosos e perigosos (por exemplo, só dúas comarcas urbanas, A Coruña e Ourense, dispoñen de puntos limpos). Por outro lado, o depósito e o tratamento destes residuos deixan moito que desexar.

 

A FEG propón a extensión da rede de puntos limpos e, sobre todo, a difusión entre a cidadanía da existencia deses puntos e a súa utilidade; unha campaña informativa sobre as consecuencias para os consumidores da entrada en vigor da directiva relativa á xestión dos residuos de equipamentos eléctricos e electrónicos e a creación de puntos limpos móbeis, como os que funcionan con éxito en mancomunidades rurais de Cataluña.

 

Residuos de construción

Este tipo de residuos representa unha cantidade anual semellante á dos residuos urbanos. A FEG valora positivamente o paso dado coa aprobación do Plan de Xestión de Residuos de Construción e Demolición 2005-2007, sobre todo co feito de que se marquen obxectivos de recuperación e fomento da reutilización destes residuos. Pide información sobre o estado da súa aplicación e o seu orzamento.

 

Residuos agrarios

A aplicación de xurros sen ter en conta as recomendacións dos manuais de boas prácticas agrarias provoca problemas de contaminación difusa de ríos e regatos. De xeito positivo, establecéronse sistemas de recolla de plasticos de ensilado e invernadoiros en colaboración coas cooperativas agrarias. Recentemente apareceu o sistema SIGFITO, para a recolla das embalaxes de productos fitosanitarios. Porén, o obrigado lavado destes envases antes da súa recolla xera problemas de contaminación difusa.

 

A FEG propón a realización dun estudo piloto para a compostaxe dos xurros xunto con biomasa foretal obtida da limpeza dos montes e a modificación do sistema SIGFITO (os fitosanitarios e as súas embalaxes deberían ser recollidos como residuos perigosos).

 

Os residuos na Galiza: diagnose e propostas.pdf

 

Powered by Bullraider.com