O día 12 de novembro cómprense catro anos da que podemos considerar maior catástrofe ecolóxica da historia galega e unha das maiores de Europa favorecida por un cúmulo de decisións técnicas erradas, actuacións cando menos escuras e incompetencias flagrantes. Máis a xestación desta catástrofe, e de tantas outras que acontecen no mar e na terra en todo o planeta, comezou moito antes de que o buque Prestige ou o seu fuel chegara as nosas costas. Comezou en cada un de nos como membros e partícipes necesarios da sociedade na que vivimos: todos e todas temos unha parte de culpa e, por tanto, somos indirectamente responsábeis da catástrofe do Prestige.
De
seguro que podemos aportar razóns que avalan que non somos
responsábeis dos feitos, ou incluso que traballamos arreo para
tentar solucionalos. Pero se nos detemos un pouco a pensar, creo que
é evidente que o modo de vida, estrutura económica e
dinámica de consumo das sociedades industrializadas, entre as
que nos atopamos e das que somos parte activa, crean as condicións
previas necesarias para que este tipo de catástrofes
acontezan, e o que posibelmente é peor, non son quen de asumir
a súa solución.
O
Prestige non foi un accidente, non foi unha catástrofe
inesperada. O verquido do Prestige foi unha consecuencia
previsíbel dunhas realidades amplamente denunciadas polo
ecoloxismo ao longo dos anos. A primeira é que a nosa
sociedade está baseada nun modelo enerxético e de
consumo de recursos irracional e destrutivo. A segunda é
que as dinámicas globalizadoras neoliberais favorecen a
alegalidade empresarial, abrindo un espazo alleo ao control político
dos estados sobre os procesos económicos e empresariais. A
terceira é que a desleixo na xestión dos produtos
perigosos e falta de prevención da práctica
administrativa diaria deixa un mínimo marxe de resposta ante
feitos destas características.
E
lamentabelmente, a catro anos da catástrofe non avanzamos
practicamente nada na solución destas realidades
Un
modelo enerxético e de consumo de recursos irracional e
destrutivo
O
funcionamento das sociedades industrializadas está baseado
case exclusivamente no emprego dos combustibles fósiles como
fonte de enerxía. Actualmente supón arredor do 75% do
consumo enerxético mundial. Esta opción enerxética
está tan imbricada na sociedade que non pensamos nela máis
que en termos técnicos de extracción e distribución
ou económicos como o prezo do barril. Considérase
imprescindíbel e insubstituíbel e, polo tanto, obxecto
"lexítimo", en aras da defensa dos intereses "nacionais",
de guerras tanto militares (Afganistán, Iraq) como
político-económicas (Venezuela, Nixeria).
Pero
os hidrocarburos non son unicamente o sustento enerxético
hexemónico das sociedades industrializadas, son a peza chave
dunha complexa trama de procesos e intereses industriais e
financeiros. Hai que ter en conta que nas refinerías o cru non
só se transforma en gasolina e gasoil, senón tamén
en multitude de outros produtos que son a base da industria
petroquímica (fertilizantes, plásticos, etc.). Deste
xeito, as refinerías convértense nos centros onde se
forxan as alianzas entre a industria petroleira, a química, a
agroquímica, a automobilística, a aeronáutica e
as empresas de transporte, sendo o seu control e mantemento a base
fundamental da globalización neoliberal. O equilibrio entre
estes poderes confluentes é o que permite un prezo estable e
artificialmente baixo dos produtos petrolíferos. Se o petróleo
incorporara ao seu prezo base os custos ambientais e sociais que o
seu uso supón, este prezo incrementaríase de xeito
notábel. O prezo artificialmente baixo dos produtos
petrolíferos é o que permite a espiral consumista na
que están inmersas as sociedades industriais. Os grandes
clúster petroquímicos son actualmente o poder
omnipotente que rexe os destinos das nosas vidas. Só hai que
ollar a nómina do actual goberno estadounidense para descubrir
que as tres cuartas partes traballaron para a industria petroleira en
postos directivos, que mesmo aportou financiamento para as súas
campañas.
As
consecuencias destes feitos son evidentes: efecto invernadoiro,
choiva ácida, contaminación de ríos e mares,
destrución de masa forestal, desestruturación de
sociedades, etc. Exemplos recentes disto témolo no Delta do
Río Níxer, nas actuacións de Repsol en Colombia
ou Ecuador, nos múltiples accidentes ocorridos no seu
transporte, etc.
O
destino do fuel-oil que transportaba o Prestige (Singapur), indícanos
outra das facetas deste asunto, como son as políticas
enerxéticas e de "desenvolvemento" implantadas polo FMI e
o Banco Mundial. A dependencia destes países con respecto ás
multinacionais do petróleo fomentouse sistematicamente,
apoiando financeiramente a construción de grandes
infraestruturas viarias, en detrimento dos medios de transporte
colectivos. Os intentos de explotación autosuficiente dos
recursos enerxéticos propios anuláronse negando
empréstitos e pechando fontes de financiamento. A agricultura
autóctona, fundamentada en produtos da zona adaptados as
características específicas de solo e climatoloxía,
destrúese en favor da agricultura industrial monocultivo
baseada no emprego masivo de fertilizantes e maquinaria pesada e, por
último, financiando grandes complexos enerxéticos
(centrais térmicas e hidroeléctricas) para subministrar
enerxía as operacións de espolio de materias primas.
Así,
un subproduto do refino do petróleo como era a carga do
Prestige ía destinado a queimarse nunha central térmica
de Singapur. O Protocolo de Kioto, inscrito dentro do Convenio Marco
da ONU sobre Cambio Climático para a redución das
emisións contaminantes, permite en certos casos, e segundo o
nivel de desenvolvemento económico dos países, a
posibilidade de incrementar estas emisións. Esta posibilidade
unida á nula lexislación ambiental destes países
permite ás petroquímicas venderlles o "detritos" do
proceso de refinado, un subproduto que pola súa grande
toxicidade está prohibido queimar nas centrais europeas ou
estadounidense. Así, algo considerado non válido para o
mundo occidental, si que o é para queimalo nas centrais
térmicas financiadas polo FMI e o BM dos países non
industrializados ou en desenvolvemento. Outro exemplo desta piratería
e as súas consecuencias é o acontecido en Costa de
Marfil cona intoxicación de centos de persoas co transvase
ilegal de residuos tóxicos dende un petroleiro.
Para
manter todo este sistema, preto de 6.000 petroleiros navegan cada día
polos océanos do mundo, moitos deles por diante das nosas
costas. O 90% do crú que chega a Europa faino por mar e, na
súa meirande parte, a bordo de barcos non rexistrados na UE, e
polo tanto non suxeitos a súa lexislación laboral e de
seguridade marítima.
E
por último ficamos nos, consumidores e consumidoras finais dos
produtos xurdidos deste proceso. Nos, que formamos parte dese 20%
privilexiado da humanidade que consume e dilapida o 80% dos
recursos. O noso comportamento como consumidores ten a súa
porcentaxe de culpa na catástrofe. O modo de transportármonos,
o lixo que xeramos, os produtos que mercamos definen en que medida
estamos dispostos a entrar neste xogo irresponsábel e
insolidario, de tan funestas consecuencias.
En
definitiva, mentres a dependencia e consumo dos produtos petrolíferos
se manteña no mesmo nivel e os distintos Estados non sexan
quen de erradicar a existencia destes limbos legais en forma de
paraísos fiscais e bandeiras de conveniencia, seguiremos a
estar expostos á repetición periódica destas
catástrofes.
Pero
non son só as medidas legais e administrativas as que poden
traballar para evitar os vertidos, tamén está na nosa
man actuar para tentar cambiar este negro panorama. Na medida que
sexamos capaces, como individuos, de trocar os nosos destrutivos
hábitos de consumo de recursos, diminuiremos a dependencia dos
hidrocarburos. A nosa vida cotián como consumidores é o
destino final de todo o sistema de produción. Se asumimos
individualmente unha serie de hábitos sinxelos, a suma do
compromiso de todos e todas levará forza dabondo para mudar as
cousas: diminúe o teu uso automóbil, non merques por
mercar, reduce o lixo que xeras, controla o gasto enerxético,
merca produtos locais, . . . á dicir, empregar o sentido
común e pensar as cousas antes de facelas. Só a través
da adopción persoal dunha práctica diaria sostíbel
poderemos mudar realmente cara a unha sociedade máis limpa,
ecolóxica, segura e xusta.
|