|
Segundo
os datos oficiais do Ministerio de Medio Ambiente e
Medio Rural e Mariño, as emisións de Gases de Efecto
Invernadoiro (GEI) en Galicia diminuíron o 7% en 2009 a
respecto de 2008. Este descenso, sumado ao do ano
anterior, situou as emisións de gases causantes do
cambio climático en níveis similares aos de 1990. A
caída das emisións desde 2007 explícase, en parte pola
crise económica, en parte pola redución do uso do carbón
na produción eléctrica. Este e outros datos recóllense
no informe de Verdegaia "As emisións de
GEI en Galicia (1990-2009)".
Verdegaia salienta os
seguintes datos do informe:
-As emisións de GEI en
Galicia diminuíron o 21% entre 2007 e 2009, caendo de
35,1 a 27,7 millóns de toneladas. A
redución das emisións no sector enerxético, na industria
e no transporte provocou esta forte baixadas das
emisións, compensando sobradamente o crecemento
rexistrado en sectores coma o residencial, comercial e
institucional ou o de tratamento e eliminación de
residuos. A crise económica e a redución
case á metade da produción eléctrica das centrais
térmicas de carbón explican a caída en picado das
emisións desde 2007.
-Aínda que non se
disporá de datos oficiais definitivos até o próximo ano,
todo indica que a crise económica e unha nova redución
do uso de carbón na xeración eléctrica volveron provocar
unha baixada das emisións durante 2010.
-No período 1990-2009
as emisións de GEI en Galicia aumentaron o 1,8%, é
dicir, por debaixo do límite de incremento do 15% entre
1990 e a media anual do período 2008-2012 que se
comprometeu a respectar o Estado español no marco do
acordo da UE-15 para o cumprimento do Protocolo
de Quioto. O crecemento das emisións en Galicia foi moi
inferior ao do conxunto de España (29,8%) pero superior
ao da UE-15, onde as emisións recortáronse un 12,7% no
mesmo período.
-O leve aumento das
emisións entre 1990 e 2009 é o resultado de combinar un
forte descenso das emisións no sector enerxético con
aumentos en todos os demais sectores. O
sector no que máis aumentaron as emisións nos últimos
vinte anos é o do transporte, onde se multiplicaron por
máis de dous, medrando de 2,7 a 6,3 millóns de
toneladas. En poucos países desenvolvidos se dispararon
tanto as emisións do transporte como en Galicia. Este
aumento desbocado é atribuíble ao crecemento
urbanístico difuso e ao estímulo do transporte
motorizado privado.
-As emisións por
habitante de Galicia aínda son moi altas, superando
mesmo as emisións medias de España e da UE: 9,9
toneladas/ano fronte a 8 e 9,2 respectivamente.
-As centrais de carbón
das Pontes e de Meirama seguen a ser chaves no
contributo de Galicia á mudanza climática. Malia teren
diminuído a súa produción conxunta nun 46% entre 2007 e
2009, continúan sendo a principal fonte de gases de
invernadoiro, supondo un 25% das emisións totais e
facendo que as emisións por habitante de Galicia sexan
superiores ás emisións medias españolas e da UE .
A central térmica de carbón das Pontes, con 5,2
millóns de toneladas, foi en 2009 o segundo maior foco
emisor de CO2 de todo o Estado español e a
principal responsable de ENDESA ter sido a causante ela
soa de máis da quinta parte das emisións de GEI de
Galicia. Ao ser moi ineficiente e intensiva en emisións
de CO2, o abandono da aínda importante
produción eléctrica con carbón, hoxe innecesaria para
atender a demanda galega, sería a medida individual máis
acaída para comezar a reducir drasticamente as emisións
en Galicia e avanzar cara a un modelo enerxético
sustentable.
A Xunta incumpre a
promesa de aprobar un Programa Marco de Acción contra
o Cambio Climático
O descenso das emisións
rexistrado nos últimos anos non é suficiente para que
Galicia, como país cunhas elevadas emisións por
habitante, que contraeu unha débeda de carbono cos
países empobrecidos, estea á altura das súas
responsabilidades na prevención dunha mudanza climática
global de dimensións catastróficas. A
Xunta -e tamén a oposición- deben deixar de ignorar o
problema do cambio climático. O Goberno
galego incumpriu a promesa de aprobar un
Programa Marco de Acción contra o Cambio Climático
2010-2020 antes do fin de 2010 e defende importantes
medidas anti-clima, como o apoio ás térmicas de carbón
ou a ampliación da rede de autovías e autoestradas.
Como primeiro paso
decisivo, Galicia debería procurar unha diminución das
emisións do 40% en 2020 a respecto de 1990, aplicando
medidas de redución en todos os sectores. A loita contra
o cambio climático, ademais dun imperativo moral, é unha
oportunidade para superarmos a crise económica de forma
sustentable e xusta, creando empregos verdes en
actividades como a rehabilitación de vivendas, a
eficiencia enerxética, as enerxías renovables, o
transporte colectivo, a agricultura ecolóxica, a xestión
sustentable do monte, a educación ambiental ou a
reciclaxe.
Documento:
As emisións de GEI en Galicia (1990-2009)
|