As emisións de gases de invernadoiro diminuíron o 15,5% en 2008
Wednesday, 01 de September do 2010
Segundo os datos oficiais do
Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, as emisións de Gases de
Efecto Invernadoiro (GEI) en Galicia diminuíron o 15,5% en 2008 a respecto de
2007. Este descenso explícase sobre todo polo comezo da crise económica, a
redución da produción eléctrica a partir de carbón e o aumento do prezo do
petróleo. Malia esta caída, as emisións por habitante de Galicia seguen a ser
moi altas, superando incluso as emisións medias de España e a UE. Este e outros
datos recóllense no informe de Verdegaia"As emisións de GEI en Galicia (1990-2008)".
Verdegaia salienta os seguintes
datos do informe:
-As emisións de GEI diminuíron o
15,5% en 2008 a respecto do ano 2007, caendo de 35,17 a 29,73 millóns de
toneladas.Esta diminución débese
principalmente ao descenso no consumo de enerxía por causa da suba do prezo do
petróleo (o barril de petróleo chegou a custar 150 dólares) e do comezo da
crise económica, así como ao aumento da participación do gas natural no "mix
enerxético" en detrimento do carbón. Aínda que non se dispón de datos oficiais,
todo indica que a crise económica volveu provocar unha baixada das emisións
durante 2009.
-No período 1990-2008 as emisións
de GEI en Galicia aumentaron o 6,2%, é dicir, por debaixo do límite de
incremento do 15% entre 1990 e a media anual do período 2008-2012 que se
comprometeu a respectar o Estado español no marco do acordo da UE-15 para o
cumprimento doProtocolo de Quioto. O
crecemento das emisións en Galicia foi moi inferior ao do conxunto de España
(39,8%) pero superior ao da UE-15, onde as emisións recortáronse un 6,5%.
-A pesar do descenso rexistrado
durante 2008, as emisións por habitante de Galicia aínda son moi altas,
superando mesmo as emisións medias de España e da UE: 10,6 toneladas/ano fronte
a 8,9 e 9,9 respectivamente. Perto da metade destas emisións (o 43,4%) son
atribuíbles directamente a media ducia de grandes empresas transnacionais:
ENDESA, ALCOA, REPSOL, GAS NATURAL FENOSA, FERROATLÁNTICA e CEMENTOS COSMOS
(GRUPO CIMPOR).
-O carbón é o maior inimigo do
clima. As centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama achegaron o 24,6%
das emisións totais de Galicia.Só a
central das Pontes contribuiu máis á mudanza climática que todo o sector do
transporte. Mesmo despois das reformas ás que se someteron para poder queimar
só carbón de importación desde 2008, as centrais das Pontes e de Meirama seguen
a ser moi ineficientes e moi intensivas en emisións de CO2.
-Aínda que baixaron as súas
emisións durante 2008, o sector do transporte é o que máis aumentou as emisións
entre 1990 e 2008, nada menos que o 89,4%, un incremento superior á media da
UE-15 (19,9%) e incluso á española (80,4%). As causas do
aumento desbocado das emisións de GEI do transporte hai que buscalas no
crecemento urbanístico difuso, nunha política desmesurada de construción de
novas infraestruturas de transporte por estrada, na insuficiencia das medidas
de promoción dos modos de transporte sustentables, no aumento do parque de
vehículos e nas escasas restricións para o seu uso en cidades e vilas.
A Xunta non actúa contra o cambio climático
Galicia, como país cunhas
elevadas emisións por habitante, que contraeu unha débeda de carbono cos países
empobrecidos, debería facer un esforzo moi importante para reducir as súas
emisións e contribuír na medida das súas responsabilidades a prevenir unha mudanza
climática catastrófica. De se manteren as políticas actuais, as emisións de GEI
subirán en canto saiamos da crise económica. A Xunta aínda non presentou unha
proposta de Programa Marco de Acción contra o Cambio Climático 2010-2020, mais
todo apunta a que será máis un programa de compensación que de redución de
emisións, cuxa medida principal será o potenciamento da capacidade de absorción
de CO2 das plantacións forestais, nomeadamente de eucalipto,
ignorando as súas limitacións como solución real ao cambio climático e os seus
inconvenientes ecolóxicos.
O conxunto da acción do Goberno
presidido por Alberto Núñez Feijóo, orientada a procurar a calquera prezo o
crecemento económico, contribúe moito máis a aumentar que a reducir as emisións
de gases de invernadoiro. Exemplos de accións contrarias á loita contra o
cambio climático son o respaldo á actividade das centrais térmicas de carbón de
Meirama e As Pontes, o Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica
2010-2015 (Plan MOVE), as axudas para a compra de automóbiles, a política
territorial ou o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia (PRXUG)
2010-2020.
No documento "Por unha economía
galega baixa en carbono" Verdegaia presentou un conxunto de propostas para
reducir de forma sostida as emisións galegas de gases que provocan a mudanza
climática. Resulta prioritario decrecer o consumo de enerxía, renunciar ao uso
do carbón, expandir adecuadamente as enerxías renovables, promover a soberanía
alimentar, incentivar o consumo responsable ou reducir e reciclar os residuos
en lugar de os incinerar. Accións que tornen posible unha transformación do
modelo económico produtivista e consumista que provocou a crise climática.