|
Verdegaia ven de presentar alegacións ás Directrices de Ordenación do Territorio onde denuncia o caracter destructivo das DOT ao non aportar medidas que permitan frear á artificialización irreversible do territorio, garantan a adecuación dos usos do solo ás súas aptitudes, revitalicen o medio rural, conserven a diversidade biolóxica, reduzan a demanda de transporte motorizado, melloren a habitabilidade de cidades, vilas e aldeas, diminúan a contaminación e a xeración de residuos e recuperen o territorio degradado.
O modelo territorial
proposto polas DOT subordina o uso sustentable dos recursos naturais
e a cohesión social ao obxectivo superior da procura do crecemento
económico no marco dunha economía globalizada. Este modelo é o
reflexo territorial dun modelo económico que ignora os límites
ambientais locais e globais e implica un consumo crecente de enerxía
e de materiais e unha xeración cada vez maior de residuos e de
contaminación. Cando non contribúen a agravalos, as DOT só
pretenden aminorar, en certa medida, os impactos territoriais
negativos do actual modelo de produción e consumo, intrinsecamente
insustentable. Con estas DOT a economía galega continuará a
degradar o territorio propio e o ambiente global, consumindo recursos
por riba das posibilidades ecolóxicas do país e do planeta,
mantendo unha elevada pegada ecolóxica e o conseguinte déficit
ecolóxico.
A inconsistencia da
suposta aposta pola sustentabilidade ponse de manifesto desde a mesma
formulación das orientacións estratéxicas do modelo territorial. A
modo de exemplo, o eixo C, "Mellorar a accesibilidade e mobilidade
do territorio" fai referencia aos graves prexuízos das políticas
de transporte centradas no vehículo privado, a súa interpretación
da sustentabilidade fica clara cando a plasma no Plan de Mobilidade e
Ordenación Viaria Estratéxica de Galicia (MOVE), que aposta por un
incremento importante da rede de estradas de alta capacidade, malia
ser xa moi densa. Pola repercusión territorial que estas
infraestruturas teñen, quedan así en entredito outras orientacións
estratéxicas, positivas cando menos a un nivel de formulación
xeral, como "favorecer a compacidade e previr a urbanización
difusa" ou "protexer o patrimonio natural".
Aparecen enunciadas
tendencias e problemas como o despoboamento do rural, a maior presión
sobre os recursos nas zonas costeiras, a contaminación das rías, a
problemática da eucaliptización, a urbanización dispersa, o
monocultivo forestal, o elevado número de encoros ou a contaminación
xerada polo uso do automóbil. Sen embargo, a descrición e
diagnóstico da situación actual do territorio realízase dende unha
perspectiva máis enumerativa que de xeito valorativo, excluíndose
boa parte da problemática socio-ambiental froito dun determinado
modelo produtivo e de consumo. Neste sentido, non existe información
sobre indicadores de sustentabilidade (ej: Pegada ecolóxica,
Emisións de efecto invernadoiro, consumo de electricidade, grao de
naturalidade dos bosques, superficie artificializada, produción de
residuos urbanos ou axuda oficial ao desenvolvemento), que serían
fundamentais. Tampouco se mencionan os Indicadores Ambientais
publicados na páxina web da Xunta de Galicia pola Consellería de
Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas nos que se sinala que,
por exemplo, dos Espazos Naturais Protexidos no ano 2006 tan só o
12,5% contaba con PORN, e 5,4% con PRUX., supoñendo isto unha
situación de "alegalidade" e indefinición de cara á súa
preservación.
Outro sinal da ineficacia
da presente proposta das DOT é o propio proceso de tramitación en
paralelo cando non posterior a outras leis e planos de extraordinaria
importancia e directamente vinculados ao territorio. Así, na
actualidade está en marcha o proceso administrativo de aprobación
do Plan Sectorial de Solo Empresarial de Galicia, en fase de consulta
pública. Tamén está nas súas primeiras fases o Plan de Ordenación
do Litoral que obviamente terá que adaptarse ao aprobado xa no Plan
Galego de Acuicultura que regala nada menos que 3,5 millóns de m2 de
litoral ás empresas acuícolas. Tamén vense de aprobar a cuarta
reforma da Lei do Solo nos seus sete anos de vida namentres a FEGAMP
e esta Consellería están a discutir xa unha nova Lei do Solo para
finais da lexislatura. Asemade, entre as primeiras medidas do goberno
Feijoo estivo a aprobación do Plan de Mobilidade e Ordenación
Viaria Estratéxica de Galicia 2010-2015, que afecta ao territorio no
seu conxunto coa construción de grandes infraestruturas, como
sempre, adicadas a potenciar o transporte por estrada; e a reforma do
decreto eólico, con implicacións territoriais claras. É dicir,
cando se aproben as DOT, grande parte do que supostamente "ordena"
xa estará lexislado polo que non se verá afectado.
Finalmente sinalar a
indefendíbel exclusión das DOT de documentos oficiais ou internos
elaborados en anos recentes polas administracións e fundamentais
para consolidar a rede de espazos protexidos, Neste sentido
salientamos que non se recolle a Proposta de Ampliación da Rede
Natura 2000 presentada no ano 2007 por esixencias da UE; o Mapa de
Corredores Ecolóxicos nin o Inventario de Humidais de Galicia,
mentres que este último si aparece na páxina web da Xunta de
Galicia.
Descarga as alegacións
|