|
Verdegaia
presentou unha queixa perante o Valedor do Pobo polo incumprimento por parte da
Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da obriga legal de
advertir á poboación afectada da superación do denominado limiar de información
relativo ao ozono troposférico, un dos principais contaminantes do aire. Foi o
que aconteceu este ano perante senllos episodios de contaminación por ozono
rexistrados a principios de abril en Ferrol e a finais de xullo en Pontevedra.
De acordo co Real Decreto 1076/2003, relativo ao ozono no aire ambiente,
cando se supere ou se prevea que se vaia superar o limiar de información,
estabelecido nunha concentración media de 180 microgramos/metro cúbico durante
unha hora, a administración competente, neste caso a Secretaría Xeral de
Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta, deberá facilitar á poboación afectada
"a unha escala suficientemente grande e canto antes" información sobre a
superación ou superacións observadas e sobre a previsión para a seguinte
tarde/día, así como información sobre o tipo de poboación afectada, os efectos
posibles sobre a saúde humana e as precaucións recomendadas.
Porén, a Xunta limítase a publicar os datos na súa web sobre calidade do
aire, o que resulta claramente insuficiente. Así o entende tamén o "Defensor
del Pueblo" quen, perante unha queixa formulada por Ecologistas en Acción, considerou que a difusión da información
entre a poboación de forma rápida e a gran escala non se consegue se as
administracións responsables só colgan nunha web institucional os datos, sendo
necesario empregar tamén "outros medios de comunicación de maior alcance como
radios e televisións (públicas e privadas), do mesmo xeito que se difunden, por
exemplo, as temperaturas, os níveis de pole, os níveis dos encoros ou a densidade
de tráfico rodado pola radio e a televisión".
Un contaminante que se forma a partir doutros
O ozono da troposfera (a capa da atmosfera en contacto coa superficie) é un
contaminante secundario que se forma mediante unha complexa serie de reaccións
nas que participan a radiación solar e
contaminantes coma o dióxido de nitróxeno e os compostos orgánicos volátiles. A elevadas concentracións causa
irritación nos ollos, superficies
mucosas e pulmóns. A resposta á exposición ao ozono pode variar moito entre
persoas por razóns xenéticas, idade (afecta máis aos nenos e as persoas
maiores) e pola presenza de doenzas respiratorias como alerxias e asma. Para
prevenir a contaminación por ozono é esencial reducir o uso de combustibles
fósiles (carbón, petróleo, gas natural).
A contaminación por ozono pode producirse lonxe das fontes de emisión,
evidenciándose así, unha vez máis, que a contaminación atmosférica non entende
de fronteiras. Do mesmo xeito que episodios de contaminación por ozono fóra de
Galicia teñen orixe en emisións efectuadas desde territorio galego, moitos dos que suceden no noso país proceden de emisións de zonas
industriais e urbanas da Meseta Central, do norte de España ou do litoral
portugués.
Documentación:
Queixa Valedor limiar información público ozono
|