O 42,7% da poboación galega respira aire contaminado
Monday, 26 de July do 2010
Segundo o informe de Verdegaia e
Ecologistas en Acción "A calidade do aire en Galicia durante 2009", baseado en
datos oficiais, polo menos o 42,7% da poboacion galega respira aire contaminadose se toman como referencia os valores límite de concentración de
contaminantes no aire recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para
a protección da saúde humana, máis esixentes que os legais. O tráfico e
algunhas industriais, nomeadamente as enerxéticas, son as principais causas de
deterioracion da calidade do aire en Galicia.
A poboación afectada pola
contaminacion está exposta a valores medios anuais de concentración de
partículas en suspensión (partículas inferiores a dez micras, PM10, e/ou a duas con cinco micras, PM2,5)
no aire superiores ao limiar recomendado pola OMS. Vive na Coruña, Arteixo,
Ferrol, Santiago, Vigo, Lugo, Valdeorras e na denominada "franxa
Fisterra-Santiago", unha das zonas en que se divide Galicia a efectos de
avaliacion da calidade do aire. A exposición a partículas en suspension
relaciónase con afeccións respiratorias e cardiovasculares e a longo prazo
estímase que pode reducir a esperanza de vida entre varios meses e dous anos.
Que durante 2009 non se
rexistrase en Galicia ningunha superación de valores límite legais para os
principais contaminantes atmosféricos (partículas en suspensión, dióxido de
xofre, dióxido de nitróxeno e ozono troposférico) non supón a ausencia de
problemas de contaminación atmosférica. Isto é así por dúas razóns: as
insuficiencias da rede de medición de calidade do aire e o baixo nível de
ambición da lexislación europea -en comparación coas recomendacións da OMS- no
que se refire á protección da saúde fronte á contaminación atmosférica por
partículas en suspensión.
Ademais de na maioría das
principais cidades, tamén na contorna dalgunhas industrias se superaron valores
límite recomendados pola OMS. En concreto, para PM10 na contorna da
central térmica de Meirama (GAS NATURAL FENOSA), da refinaría de REPSOL, de
CEDIE (Valdeorras) e de FERROATLÁNTICA-Cee, e para o ozono (O3) na área de influencia das centrais
térmicas das Pontes (ENDESA).
Verdegaia e Ecologistas en Accion
denuncian que a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas só
divulgou datos para 2009 de 29 das 66 estacións de vixilancia da calidade do
aire situadas nas proximidades das industrias máis contaminantes. No caso
dalgunhas industrias, un ano máis seguimos sen coñecer nin un só dato de
ningunha das estacións situadas na súa contorna: central térmica de Sabón (GAS
NATURAL FENOSA), CEMENTOS COSMOS (Sarria), ENCE (Pontevedra),
FERROATLÁNTICA-Sabón, FERROATLÁNTICA-Dumbría, FINSA-Santiago, MATERIALES DEL
ATLÁNTICO (Narón) e incineradora de SOGAMA (Cerceda).
Verdegaia e Ecologistas en Acción
reclaman novas políticas territoriais e de transporte que reduzan drasticamente
o tránsito nas cidades e as súas áreas de influencia. É necesario deixar de
enterrar grandes sumas de diñeiro en ampliacións da capacidade viaria que só
alivian por un tempo os problemas de conxestión e restrinxir fortemente o uso
do vehículo privado, principal causa de degradación da calidade de vida no
ámbito urbano. Ao mesmo tempo, cómpre potenciar todo o posible os
desprazamentos a pé e en bicicletae o
transporte colectivo.
Tendo en conta a importante
achega das industrias enerxéticas á contaminacion atmosférica, resulta tamén
prioritario para a mellora da calidade do aire reorientar o modelo enerxético,
apostando polo decrecemento no consumo, as renovables e a autonomía enerxética.