|
A
asociación cultural Gentalha do Pichel inaugura esta cuarta-feira, día 21, ás 19:00, no centro
social de Sar, en Compostela, a exposición fotográfica "AS
BRANHAS DO SAR EM FOTOS". Organízase en parceiría co núcleo comarcal de
Verdegaia. A maior parte das fotos foron feitas no roteiro que se
fixo esta primavera para coñecer este espazo natural e senlleiro da
cidade compostelá. O
espazo foi considerado como obxecto dun plano especial de recuperación e conservación na ordenación urbana do alcalde
Estévez de hai 20 anos, mais nunca se chegou a desenvolver.
Aconteceu todo o contrario: o 35% da súa superficie foi estragada con
obras ilegais, dexeneracións urbanísticas, verteduras de lixo e
infraestruturas agresivas permitidas, -e en moitos casos promovidas-
polo propio concello.
Urbanisticamente,
trátase dun polígono de 46 Ha nas ribeiras do río Sar que xace
xusto entre o caso urbano da capital e a Cidade da Cultura. O
malfadado proxecto faraónico trae agora como novo efecto colateral,
as administracións faceren acordar o plano especial das brañas para
urbanizaren aínda un 15% máis desta paraxe natural. Baixo o cabezallo
da recuperación, o que resulta é a consolidación das construcións de anos
anteriores máis a implantación de novas avenidas, edificios
públicos e instalacións deportivas que procuran concectar o lastre
fraguiano do Gaiás co centro da cidade.
Verdegaia
entende este plano como unha extraordinaria oportunidade para na
actuación municipal primar verdadeiramente a recuperación de zonas
agredidas e a conservación, fronte a construción de novas
infraestruturas. Apélase, neste senso, ás directrices e a focaxe do informe previo redixido pola equipa de Albert Cuchí e entendemos a
necesidade e a importancia de a poboación enxergar con especial
sensibilidade a valoración dun xeito alternativo de xestión do noso
patrimonio natural, fuxindo xa dos custosos parques urbanos
minimalistas e artificializados. (Video 1:54)
Estas
brañas, como son, e como foron desde tempos do neolítico, coas súas
xunqueiras; labirintos de salgueiros, ameneiros e freixos; as leiras
de produción caseira, as vimbieiras dos cestos, as prezadas
orquídeas autóctones e a case desaparecida andoriña do cu branco,
son unha riqueza para a cidadanía poder gozarena así, ao natural.
Na
exposición do roteiro fotográfico que se apresenta no centro social
de Sar (e para o mes de agosto nas Fontiñas), O Pichel e Verdegaia denuncian as agresións do plano especial; mais sobre todo,
destácan os valores naturais, os estímulos positivos e vitais e
mesmo a economía sustentábel que acubilla esta nosa paraxe pola que
habemos loitar.
Cartaz Expo "As Branhas do Sar em Fotos" CS Sar e CS Fontiñas
|