|
A empresa MIGASA está a solicitar a licenza de inicio de actividade para unha súa canteira que leva en funcionamento máis de 40 anos no camiño dos Vilares. Verdegaia vén de participar na avaliación da súa incidencia ambiental detectando importantes afeccións e incumprimentos normativos.
A canteira, situada en terreos de protección florestal, está a interferir no rexime hídrico do río Corgo, que atravesa a nosa cidade polos Salgueiriños, San Caetano, o auditorio de Galiza e o parque de Galeras.
A actividade graniteira está provocando enchentes no inverno e secas no
verán pola eliminación de 10.000 m2 de capa vexetal e a destrución do
acuífero e os mananciais que fan xurdir o río Corgo nas imediacións da
rúa da Cañoteira. Non existe xestión algunha das augas que manan na
explotación nen da enxurrada superficial, que ao non ter balsas de
decantación, contamina o río con lodos industriais a asulaga as hortas
da contorna.
Hoxe a canteira está a traballar con
vivendas habitadas a menos de 10 m e colle de cheo bairros como o de
Meixonfrio e os Salgueiriños no raio normativo dos 500 m. A
viciñanza testemuña un intenso tránsito de camións cargados,
tanto de saída como tamén de entrada, estimando que se pode estar a
encobrir a vertedura e amoreamento de entullos, actividade para a que
se anuncia comercialmente MIGASA mais non reflicte na súa
solicitude. Isto ven coroborar que en 43 anos de explotación non se
teña xa esgotado o recurso que se calcula para 16 anos.
O proxecto apresentado agora pola
empresa está datado en 2003, e foi aproveitado dunha anterior
xestión na que a Xunta non chegou a concederlle a autorización.
Nestes sete anos entrou en vigor unha nova lei de minas, aprobouse o
novo PXOM do concello e entrou a funcionar o novo cadro legal para
asuntos ambientais, polo que o estudo de MIGASA está totalmente
desfasado e así se expón polo miúdo no informe de Verdegaia.
Tamén se detectaron importantes erros
de cálculo na avaliación do ruído, na contaxe de vivendas
próximas, a ausencia do informe de augas de Galiza, nas pantallas
vexetais, na reserva de terras para a restauración, na ausencia dun
informe de flora e fauna e mesmo na falla de equipamento para
aspiración de partículas en suspensión ou o tratamento das augas.
Por todo o exposto a asociación
ecoloxista Verdegaia solicita ao concello que desestime a concesión
da licenza de apertura e inste de contado a restauración da reserva
florestal para salvagardar a vida dos nosos ríos e garantir unhas
condicións de habitación mínimas na nosa cidade, dificilmente
compatíbeis hoxe coa actividade mineira en zona urbana.
Descarga as alegacións
|