|
Preocupación pola tramitación de Brañas do Sar |
|
|
|
|
Monday, 15 de March do 2010 |
|
Esta mañá a concelleira Elvira Cienfuegos recebeu unha delegación do
núcleo comarcal de Verdegaia, que apresentara un documento de
participación no inicio da Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE) da
Xunta para o plano especial que promove o concello neste espazo. O
colectivo ecoloxista achegou a súa preocupación por que desde Ambiente
da Xunta se resolvese finalmente que non era preciso continuar con este
trámite ambiental en base a que o PXOM xa fora aprobado definitivamente
cos preceptivos trámites. No mesmo documento tamén se recolle que a
Xunta declarara a "inviabilidade do submetemento do PXOM á AAE",
deixando na práctica, e até o momento, sen supervisión ambiental as
actuacións nesta paraxe.
O proxecto, baixo o nome de "PLANO ESPECIAL DE ORDENACIÓN, PROTECCIÓN
MELLORA AMBIENTAL E ACONDICIONAMENTO DAS BRAÑAS (PE-3R)", propón unha
nova urbanización universitaria, novos edificios deportivos a carón do
campo de fútbol e o multiusos, e mesmo novas vías urbanas da cidade.
Tamén preocupa que as cartografías do documento reflectían
(incomprensibelmente) recortes importantes ao espazo das brañas con
respecto ao que recolle o PXOM. Mesmo fala con rancio desprezo das
áreas brañegas máis auténticas (cualificándoas de residuais e
marxinais) propondo en xeral a criación de espazos verdes antropizados
no canto de preservar as súas verdadeiras cualidades.
A
asociación ecologista quixo entregar en man o documento co que
pretendeu participar no proceso que a Xunta ven de paralisar (xúntase
copia). Nel recóllese como prioritario o saneamento do río Sar, a
recuperación de áreas artificializadas, que se deteña a promoción das
novas edificacións públicas e que se conserven e promovan as brañas
como un espazo natural, auténtico, e moi característico da paisaxe e a
ecoloxía galega; coa fortuna de térmolo no medio da nosa cidade.
A
concelleira amosou coincidencia nalgunhas das focaxes e neste senso
dixo defender o espazo na comisión na que se traballa coa concellaría
de urbanismo que pilota este plano especial. Indicou tamén que se
contaría coa opinión de Verdegaia nas seguintes fases de participación
publica que se prevén. Por parte de Verdegaia propúxose, como unha
idea, a elaboración dun programa de divulgación ambiental previo a
calquera actuación para que a cidadanía poda coñecer e apreciar os
valores e a importancia desta paraxe. A asociación continuará á procura
de manter unha reunión tamén coa concellaría de urbanismo que de
momento aínda non foi concedida.
Descarga as alegacións
|