|
Verdegaia solicita a anulación do estudo de impacto ambiental publicado pola Demarcación de Costas de Galiza para as súas obras previstas nas Brañas de Laíño.
O proxecto promovido hai xa sete anos baixo o nome de “Parque linear nas ribeiras do río Ulla” carece de calquera fundamentación científica que xustifique a implantación de paseos de formigón, aparcadoiros no miolo da zona protexida, embarcadoiros, praias artificiais e asfaltado de pistas. A intervención, que rebautizada como “Actuacións ambientais...” fora sometida hai tres anos a un primeiro trámite de exposición pública, recebira xa unha forte oposición por parte de Verdegaia, da Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO), a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e mesmo da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galiza que rexeitaba as construcións propostas.
A
extraordinaria biodiversidade desta paraxe tradúcese na presenza de
119 especies de aves consideradas en catálogos de protección, tamén
de 20 especies de mamíferos, 14 de réptis, 12 de anfíbios, 6 de
peixes, 7 de invetebrados e 9 Habitats de Interese Comunitario (HIC)
dos que dous son prioritarios. Un bo feixe das devanditas citas de
fauna protexida son ademais especies ameazadas ou en serio perigo de
extinción.
Na
alegación apresentada esta sexta-feira, Verdegaia denuncia que se
teña despachado o capítulo máis importante da memoria, o de
"Valoración da incidencia ambiental", sen tratar as
afeccións sobre nengunha das especies animais ou vexetais que
confiren ao espazo protexido a súa riqueza natural, para rematar
concluindo -sen fundamentación- que "non se vaian producir
afeccións relevantes". O documento, con máis de cincocentas
páxinas co carimbo dunha consultora madrileña, carece de
metodoloxía e póderíase describir como unha interminábel morea de
relatorios xeotécnicos, máis propios dunha autoestrada que dunha
actuación ambiental. No uso lingüístico, a falta de respecto pola
toponimia e o emprego exclusivo de nomes foráneos para os animais e
plantas específicos do lugar reflicten un fondo desprezo para o noso
patrimonio e moi pouca sensibilidade na actuación. O defecto de
forma e fondo é grave e xeralizado, polo que cómpre a súa
reorientación desde o comezo.
Tamén
se alega que Costas ignora no informe as importantes agresións
ambientais presentes actualmente, como a existencia de vertedoiros de
lixo, a contaminación por augas sen depurar, a dramática
transformación da braña - producida hai algúns anos pola abusiva
extracción de area do río, a presenza de especies exóticas
invasoras, o arraso na vexetación de ribera de varios afluentes do
Ulla e mesmo o abandono dun tradicional e sustentábel aproveitamento
labrego que participaba no equilibro ecolóxico deste espazo
probabelmente desde tempos do neolítico.
Non
figura directriz algunha de coordenación co plano de recuperación
da Dirección Xeral de Conservación da Natureza para a crítica
escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniculus sp. lusitanica)
da que fican aproximadamente unha ducia de parellas. O programa non
é nen mencionado. Sobre este paxaro, Costas non é quen de velo,
declarando no capítulo de inventario ter a "certeza de que non
habita na zona de actuación", ao contrario que o grupo de
anelamento Anduriña, a SGHN e a propia Xunta que levan anos ao axexo
desta alfaia da braña; mesmo celebrando aquí unha palestra estatal
o pasado ano xunto coa SEO, por ser este o seu espazo senlleiro.
Tamén
moran en Laíño a folosa acuática (en perigo de extinción), o
picanzo vermello (de interés especial), a fulepa das xunqueiras, o
espilido picapeixes, os simpáticos charnecos e lavancos, a
fachendosa garza cincenta, a maxestuosa águia peixeira ou a lixeira
tartaraña das xunqueiras entre un abano de 163 aves diferentes. É o
fogar tamén da lontra - recuperándose cada vez máis, o porco-teixo
e o raposo entre outros mamíferos.
Na flora
temos desde fragas até canaveiras, espadanedas e prados, pasando
polo estourido dos bosques de ribeira. Nas xunqueiras agóchase
-entre os outros- o escasísimo Schoenoplectus pungens, un xunco en
perigo de extinción do que se teñen contados menos de 2 millóns de
pés en toda a península (e que o proxecto de Costas non menciona
por nengures). Son interesantes tamén as cristas de galo da familia
das orquídeas, a Filipéndula ulmaria cos efectos da aspirina, a uva
de can da cultura menciñeira, a agana que calla o leite para facer
queixo, a herba das escaldadelas de múltiplas aplicacións para a
industria farmaceutica como tamén a Abeloura ou o Frundio que
recende a incenso e escorrenta os mosquitos.
Cabe
destacar a responsabilidade que ten o noso país na conservación da
natureza ficando patente no derradeiro foro europeo que posuímos a
maior biodiversidade de Europa. Esta responsabilidade debe traducirse
en actuacións conservacionistas nos nosos espazos naturais, máxime
cando están catalogados na Rede Natura 2000 e son ecosistemas
húmidos da riqueza da que estamos a falar.
Estas
brañas foron descritas xa polo Frei Martín Sarmiento no S. XVIII,
citadas como "famosas" por Madoz no S. XIX e mesmo cantadas
por Rosalía nas súas poesías. Tamén foron prezados os seus
produtos en toda a península ibérica, destacando os chamados Bois
de Laíño ou os tecidos de xunco. A este respecto, formúlase na
alegación que a desatinada aplicación da lei de Costas en
desafortunada combinación cunha anterior concentración parcelaria
foi un dos factores que incideu no afastamento da actividade agraria,
e no abandono e a degradación do histórico ecosistema nos últimos
trinta anos (precísamente baixo a responsabilidade de Costas).
Verdegaia
leva tres anos a organizar actividades en colaboración co grupo de
anelamento Anduriña, a concellaría de desenvolvemento local de
Dodro e diferentes persoas especializadas no patrimonio natural e
cultural da braña. A medio de roteiros, publicacións, achegas a
medios de comunicación e a relación coas admninistracións tentamos
promover a recuperación e valorización do senlleiro espazo sempre
co coñecimento e a participación da veciñanza e a sociedade galega
en xeral.
Os plans
edificatorios da administración central non poñen solución a
nengún dos problemas ambientais deste espazo protexido e mesmo
infrinxe os principios de protección do litorial, estabelecidos
-tanto na letra como no espírito- na propia lei de Costas. De seguir
adiante con esta teima, asistiremos a unha nova agresión para a
flora, fauna e xea do lugar; alén de afondar nunha desvalorización
da verdadeira riqueza das Brañas de Laíño que foron -e deben
seguir sendo- unha fonte de vida, diversidade, e dinamismo para o
noso territorio e a nosa comunidade.
Por
todo isto Verdegaia demanda que se reformule o investimento de 2,2
mill. de euros, desde os seus alicerces e cara unha verdadeira
actuación ambiental en beneficio da conservación, valorización e
divulgación do patrimonio natural e cultural das Brañas de Laíño.
Máis info:
Alegacións a actuacion de Costas nas Brañas de Laiño
Guía sobre as Brañas de Laíño
|