|
O documento que presentou o
Goberno como base das negociacións para atinxir un Pacto de Estado para saír da crise deixa fóra, unha vez máis, a
Natureza. A confederación estatal Ecoloxistas en Acción pregúntase cómo se vai acadar ningún pacto
con pretensións de continuidade se se deixa fóra a base da vida.
Ecoloxistas en Acción lembra
que a nosa vida depende da Natureza. A
biodiversidade facilítanos unha grande cantidade de servizos básicos como a
auga limpa ou medicinas.
Do subsolo obtemos recursos
enerxéticos e minerais non renovables. E sobre el, se o tratamos con mimo,
podemos cultivar os nosos alimentos durante millóns de anos. Unha atmosfera
equilibrada purifica o noso aire, protéxenos das radiacións ultravioleta e, a
través dela, lévanos unha fonte de enerxía inesgotable desde o punto de vista
humano: a solar.
Desde esta perspectiva é un
sensentido o documento que presenta o Goberno para iniciar as negociacións que
poidan desembocar nun Pacto de Estado contra a crise. No documento non se
considera nin remotamente que dependemos da Natureza para a nosa sobrevivencia,
senón que se entende como un elemento a explotar.
Deste xeito apóstase por unha
maior internacionalización da nosa economía, o que conleva, inevitablemente, un
maior consumo enerxético, un incremento da emisión de gases de efecto
invernadoiro e a construción de novas infraestruturas que esnaquicen aínda máis
o territorio e contribúan á perda de biodiversidade.
En liña con esa medida, o documento
fala do desenvolvemento do modelo aeroportuario, portuario e a intermodalidade.
Estas medidas son parte do Plan Estratéxico de Infraestruturas de Transporte
(PEIT), que tan nefastas consecuencias está tendo cos seus 6000 km de autovías
e 9000 km de alta velocidade.
No plano enerxético, o Goberno
segue sen afrontar o grande desafío que temos por diante: reducir o noso
consumo e desterrar as enerxías sucias do noso mix (as fósiles e as nucleares).
Con medidas como a construción do ATC, o Goberno deixa claro que non está
disposto a deixar de destruír as bases que sosteñen a vida.
Tanto o que se propón do turismo,
como o que atinxe á empresa, o obxectivo é o crecemento. Un crecemento que
empapa todo o apartado de competitividade e emprego. Un crecemento que, nun
planeta finito, é imposible manter de forma indefinida e sen destruír as bases
naturais que sosteñen a nosa existencia.
A política industrial aposta,
como medida salvadora, polo coche eléctrico. Mais o coche eléctrico non está
nada claro que conteña as emisións de gases de efecto invernadoiro da
automoción, que se duplicaron desde 1990. Por non falar de que todo o resto de
impactos do coche fican sen solución: sinistralidade, necesidade de grandes
infraestruturas, modelo urbanístico... A única política posible é a redución da
mobilidade.
Por último, Ecoloxistas en Acción
tamén quere chamar a atención sobre os aspectos financeiros do documento, coma
o FROB, que supoñen que se sigan destinando fondos públicos para apoiar a banca
privada, en lugar de os encamiñar á
necesaria reconversión da economía española cara á sustentabilidade.
En definitiva, para a
organización ecoloxista o Pacto de Estado que se propón debería ser, en
realidade, un novo Contrato Social entre o ser humano e a natureza que
procurase a xustiza social en paz co planeta.
|